24 titulados universitarios lucenses mellorarán a competitividade das PEMES grazas ó programa Reacciona

O IGAPE ofrece en Galicia 137 bolsas dun ano

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, deu a benvida ós 24 bolseiros lucenses, xunto cos responsables do programa Reacciona do IGAPE. GPDTL.

A aposta polo emprego xuvenil e a competitividade empresarial marcas as liñas do programa Reacciona, posto en marcha pola Xunta de Galicia a través do IGAPE, que este mes puxo en marcha as 137 bolsas de formación para titulados universitarios, e que na nosa provincia beneficiará a un total de 24 mozos e mozas.

COMEZAN AS ESTADÍAS DOS BOLSEIROS EN EMPRESAS LUCENSES

O día 20 deste mes, os responsables desta iniciativa deron a benvida ós novos bolseiros, que durante doce meses desenvolverán as súas funcións en PEMES da nosa provincia colaborando na implantación dos servizos avanzados de mellora da competitividade facilitados ao tecido empresarial mediante o programa Reacciona. Durante o acto de recepción, a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, explicou que estas bolsas formativas están dirixidas a titulados universitarios, que traballarán en clústers galegos ou empresas que acreditan solvencia técnica, financeira e un mínimo de facturación en proxectos de consultoría empresarial. O obxectivo, apuntou Arias, é “aplicar os coñecementos destes novos traballadores aos retos de desenvolvemento que se propoñen as empresas participantes, e xerar deste modo unha vantaxe competitiva para todos”.

DESTINADA A UNIVERSITARIOS TITULADOS A PARTIR DE 2007

A Xunta destina un orzamento de máis de 1,3 millóns de euros a este programa, no que participan 135 mozos e mozas que remataron a formación universitaria con posterioridade ó ano 2007 “aos que se pretende ofrecer una formación práctica, especializada e relacionada co desenvolvemento estratéxico das empresas, que aumente as súas posibilidades de empregabilidade no futuro”, afirmou Raquel Arias.

DIAGNOSES GRATUÍTAS DE COMPETITIVIDADE NAS EMPRESAS

Mediante o programa Reacciona, o Igape realizará máis de 2.200 diagnósticos gratuítos de internacionalización e de competitividade e impulsará a implantación de servizos avanzados de alto valor engadido, co obxectivo de facilitar a profesionalización e a mellora na xestión das empresas beneficiarias”.

INVESTIMENTOS DE MÁIS DE 13 MILLÓNS DE EUROS GRAZAS ÁS LIÑAS DE IMPULSO

Arias lembrou que neste momento “están activas doce liñas de impulso empresarial a través da Consellería de Economía e Industria, liñas que, no exercicio pasado, incentivaron investimentos na nosa provincia por máis de 13 millóns de euros, máis dunha quinta parte só na capital”.

“NINGÚN PROXECTO VIABLE SEN EXECUTAR POR FALTA DE APOIO”

A delegada en Lugo suliñou que “o obxectivo da Xunta de Galicia é que ningún proxecto que sexa viable quede sen executar por falta de apoio” e que, “no trasfondo de todos os esforzos que realiza o Goberno autonómico en materia económica está a preocupación por crear emprego, estable e de calidade, para todos os galegos e galegas”.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Piden a creación en Chantada dunha sección de inglés da Escola de Idiomas de Monforte

Seguinte Nova

Marcas LugoSabe e Lug02: aposta pola calidade para impulsar a gastronomía e hostelería lucenses

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: