A Ribeira Sacra, presente na Feira Internacional de Turismo
Ademais, recolléronse firmas en apoio da candidatura a Patrimonio da Humanidade
A Ribeira Sacra e a gastronomía lucense estiveron presentes na Feira Internacional de Turismo FITUR 2014, celebrada en Madrid do 22 ó 26 de xaneiro, xunto con outros produtos turísticos de toda Galicia. O stand da nosa comunidade recibiu máis de 70.000 visitas durante esta feira.
TRES GUÍAS E UNHA APLICACIÓN MÓBIL SOBRE A RIBEIRA SACRA
O día 22, os responsables do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra deron a coñecer os novos produtos promocionais, integrados por unha guía turística xeral, unha guía de empresas e actividades da Ribeira Sacra, e unha guía de sendeirismo. Asimemos, presentaron a aplicación móbil e a nova web específica de sendeirismo da Ribeira Sacra. Os responsables do Consorcio ofreceron tamén un avance da campaña dos novos produtos e experiencias turísticas «Vive y regala Ribeira Sacra». Dende o Consorcio de Turismo valoraron «moi positivamente» a recepción da proposta experiencial que presentaron á Feira Internacional de Turismopor parte de maioristas e particulares. «Vender experiencias turísticas non é unha novidade, pero sí o que fixemos dende o Consorcio, ó cubrir toda a oferta do destino para todo tipo de perfil do potencial visitante e materializalo nunha atractiva presentación en caixa-regalo», destacou a xerente do Consorcio, Alexandra Seara, quen informou de que os operadores comprometéronse a adquirilo «en canto teñamos todo listo para iniciar a súa venda a través de maioristas». Seara anunciou tamén que o Consorcio vai convocar nas próximas semanas ó sector privado a diversas reunións para concertar os termos e adhesións, co obxectivo de que todo o sistema estea en marcha para abril. A xerente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra destacou ademais a gran acollida das tres novas guías, das que se está a completar a edición definitiva, e que en febreiro comezaranse a distribuir polos puntos de información da Ribeira Sacra e tamén fóra da nosa zona, «sobre todo nos municipios da costa, onde cada vez nos demandan máis material promocional, por petición dos viaxeiros que buscan facer escapadas dende as praias ó interior».
ANUNCIO DA POSTA EN MARCHA DA CANDIDATURA A PATRIMONIO DA HUMANIDADE
Dende o Consorcio de Turismo destacaron que FITUR 2014 foi o marco para anunciar a posta en marcha da candidatura da Ribeira Sacra para a súa declaración como Patrimonio da Humanidade. Neste sentido, un dos primeiros pasos que a Comisión recentemente constituída debe dar é a aprobación dunha imaxe corporativa que dea unidade ó proxecto, e que centrará a reunión prevista para o 4 de febreiro. Tanto nesta iniciativa como na elaboración das guías promocionais, o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra contou co apoio da Deputación de Lugo.
GUÍA DA HOSTELERÍA LUCENSE
O organismo provincial tamén apoiou a presentación da nova edición da guía «E para comer, Lugo», elaborada pola APEHL, e que ten como protagonista á auga nas súas diversas manifestacións, a través das cales trata de amosar ós visitantes a riqueza da nosa gastronomía, festas, paisaxe e natureza.
RUTAS EN TREN POR GALICIA
Ademais, o stand de Galicia en FITUR 2014 acolleu a presentación do programa «Trens turísticos», pioneiro en Galicia, que obtivo unha gran acollida, polo que os responsables anunciaron que se ampliará a oferta con novas incorporacións. A presentación deste programa turístico contou coa presencia da ministra de Fomento, Ana Pastor, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias.•