Amplo rexeitamento social á subida das cuotas da Seguridade Social dos autónomos

Os autónomos están a xerar en Galicia arredor do 45% do emprego, según o BNG. Arquivo EC.

O Real Decreto-lei 16/2013, de 20 de decembro, de medidas para favorecer a contratación estable e mellorar a empregabilidade dos traballadores está a encontrar un duro rexeitamento por parte dos pequenos empresarios e autónomos, para os que as novas bases de cotización establecidas na medida aprobada polo Goberno central supoñen un desembolso mensual inesperado e mal recibido.

SORPRESA E INDIGNACIÓN DOS AUTÓNOMOS E PEQUENOS EMPRESARIOS

Aínda son moitos os que non se percataron da nova carga no recibo que pasa ó cobro a Seguridade Social, e a noticia sorpréndeos negativamente. “A verdade é que me parece fatal”, explica Mª José Senra, empresaria e presidenta do Centro Comercial Urbano de Monforte, diante dunha carga máis fronte a que non hai escapatoria. “Paréceme moi forte que aumenten este pago, que é obrigatorio por pequena que sexa a empresa que teñas ou que queiras montar, é o mínimo para poder ter actividade, e isto non son máis que trabas”. suliña Senra. A indignación non é para menos: según explica o presidente da Federación de Autónomos de Galicia (FEAGA), Francisco Javier Pérez Bello, “súbense as cuotas máis dun 20% nalgúns casos”, o que supón que para os autónomos societarios e para os que tiveran empregados o pasado ano a 10 ou máis traballadores, a cuota media mensual pasaría de 255 euros a 313, case 60 euros máis ó mes. Para o resto dos autónomos tamén hai suba, xa que pasarían de pagar unha cuota media de 261 euros a 270, aproximadamente 10 euros máis en cada recibo. A nova medida recadatoria do Goberno central contén outro obstáculo para os emprendedores, “xa que a isto hai que engadir que a partir do primeiro trimestre de 2014 non se van permitir os aprazamentos das retencións”, puntualiza o presidente de FEAGA.

ESFORZO PARA NADA

Acostumados a superar as dificultades, os autónomos e pequenos empresarios poderían aceptar de bo grado este incremento na cotización, “se foran mellorar as prestacións”, precisa a empresaria Mª José Senra, que se queixa de que “agora mesmo son penosas, os autónomos non temos baixas, a xubilación é mísera, e se tivese que pechar o meu negocio, non tería paro”. Dende a Federación de Autónomos de Galicia consideran esta suba das cotizacións á Seguridade Social “totalmente negativa”, xa que “o único que fai é aumentar a presión fiscal sobre autónomos e PEMES, sen que iso se vexa reflexado en absoluto nas prestacións que recibimos”.

A MEDIDA TERÁ UN IMPACTO NEGATIVO SOBRE O EMPREGO

As consecuencias que se atisban desta medida gubernamental “vai ser negativa sobre o emprego”, aínda que o obxectivo do Decreto do Goberno central apuntase no sentido contrario. “Os autónomos que tiveran dudas sobre se contratar ou non, esperarán tempos mellores”, explica o presidente de FEAGA. “O comercio xa está indo moi xusto, moitos van aguantando como poden, pero con esta suba non sei o que poderá pasar”, indica a presidenta do CCU de Monforte, que lamenta que “se adiquen a poñérnolo máis difícil todavía”. Dende a Federación de Autónomos de Galicia avisan de que este colectivo “ó ter que pagar máis ó Estado, terá menos liquidez para os gastos corrientes, o que provocará máis morosidade, menos consumo e máis peches, porque o crédito segue cerrado para PEMES, autónomos e familias”.

“O GOBERNO ESTÁ A FACER EXACTAMENTE O CONTRARIO DO QUE SE NOS PROMETEU”

O presidente de FEAGA, Francisco Javier Pérez Bello, criticou que “o Estado acapara o crédito dispoñible, aumenta os impostos, pero non reduce o seu tamaño nin os seus gastos, exactamente o contrario do que se nos prometeu”. Pérez Bello afirmou que “isto é o contrario do que habería que facer para intentar saír da gravísima crise económica que, aínda que algúns se empeñen en facernos crer o contrario, seguimos padecendo e, a este paso, por moito tempo”.•

Rexeitamento unánime dos partidos da oposición a esta medida

•A agrupación comarcal Lugo-Sul do Bloque Nacionalista Galego amosou o seu “rotundo rechazo” á decisión do Goberno central de subir a cotización social dos traballadores autónomos. Dende a formación nacionalista interpretan como “un inxustificado ataque da dereita contra os traballadores” o contido do Decreto-lei que establece un novo incremento fiscal que cualifican de “incríble”. O BNG critica a actitude do Goberno central de aprobar o decreto “sen ningún tipo de diálogo previo coa parte interesada, como xa é marca deste Goberno”. Dende o Bloque Nacionalista Galego consideran que “non ten sentido que se incrementen as cargas sobre os autónomos mentres se aumentan as axudas ás grandes empresas, ao tempo que se manteñen sobre elas enormes vantaxes fiscais que impiden ó Estado manter políticas económicas solidarias”.

Pola súa banda, o Pleno da Deputación de Lugo ven de aprobar, co voto en contra do Partido Popular, unha moción do Goberno provincial na que se insta á Xunta a demandar ó Goberno central “que anule o incremento dun 22% nas cotizacións mínimas para os autónomos que conten con 10 ou máis empregados no último ano”. Esta suba, adoptada “coma sempre sen ningún tipo de diálogo co sector afectado”, según afirmou o Goberno provincial, “agravará a xa delicada situación de autónomos e pequenas empresas, ademais de destruír postos de traballo”. Dende o Goberno provincial criticaron a actitude do Partido Popular que votou en contra desta moción, a pesar de recoñecer no Pleno que a decisión de aumentar as cotizacións ós autónomos “é mellorable e xenera moito rexeitamento” entre estes profesionais “porque son os que sosteñen a actividade económica deste país”.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Monforte, sede da Gala do Atletismo de Galicia

Seguinte Nova

Visita institucional ós investimento do Fondo de Compensación Ambiental en Chantada e Carballedo

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: