Máis de cen atletas recibiron os recoñecementos polo seu traballo na tempada 2012-2013
•A Federación recoñecou a aposta do Concello polas “excelentes” pistas de atletismo •O presidente do Atletismo galego destacou o “extraordinario” traballo do clube de atletismo A Gándara •O Concello de Monforte recibiu o premio á Entidade comprometida co atletismo

• O Auditorio do Edificio Multiusos de Monforte de Lemos acolleu, o pasado 23 de xaneiro, a Gala Anual do Atletismo Galego, que recoñecía ós mellores atletas e clubes destacados durante a tempada 2012-2013. O presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, destacou “o gran apoio de Monforte” a esta especialidade deportiva, manifestado no impulso dende o Concello de Monforte das pistas municipais de atletismo, e no “extraordinario” traballo desenvolvido dende o club de atletismo A Gándara nos últimos anos.

PREMIOS Ó APOIO Ó ATLETISMO
O Concello de Monforte foi unha das institucións recoñecidas co Premio ás Entidades Comprometidas co Atletismo, xunto coas catro Deputacións, o Concello de Santiago, a Televisión de Galicia, Coca-Cola e o Ilustre Colegio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia. Tamén recibiu un recoñecemento o que fora Vicepresidente da Deputación de Lugo no anterior mandato, Antón Bao, polo seu impulso á construcción do módulo cuberto de atletismo en Lugo.

A GALA DESTACOU O TRABALLO DE SALETA FERNÁNDEZ
Un total de 123 atletas, nove clubes de toda Galicia e catro seleccións galegas de diversas especialidades recibiron cadanseus galardóns. A monfortina Saleta Fernández, recente récord absoluto galego en salto de altura, foi homenaxeada durante a gala pola súa excepcional traxectoria.•




