Piden a creación en Chantada dunha sección de inglés da Escola de Idiomas de Monforte

A idea partiu da dirección do IES Lama das Quendas, pola ampla demanda detectada

O IES Lama das Quendas sería a sede da sección de inglés en Chantada da Escola de Idiomas de Monforte. Arquivo EC.

Estudiar inglés deixou de estar de moda para convertirse nunha necesidade. Actualmente, posuir un nivel moi alto no dominio desta lingua pasa por ser un requisito básico no acceso ó mercado laboral de calidade. “Hoxe, ter un nivel moi alto de inglés é practicamente imprescindible para a maioría dos traballos, das viaxes e para buscar traballo nestes tempos de globalización”, explica Rosa Quiroga, directora da Escola Oficial de Idiomas de Monforte, e suliña ademais que “moitos documentos de interés en internet están só asequibles en inglés”. Esta percepción ten o seu reflexo na sociedade, xa que o interés polo estudo da lingua de Shakespeare vai en aumento. “O inglés ten cada vez máis demanda entre o alumnado da Escola de Idiomas de Monforte”, suliña Quiroga, ata o punto de que “a maior parte do alumnado que temos é de inglés”.

PROFESORES E CIDADÁNS DEMANDAN UNHA SECCIÓN DE INGLÉS EN CHANTADA

Esta demanda ven sendo detectada en Chantada dende hai tempo. O IES Lama das Quendas desenvolve dende hai varios cursos o programa CUALE, que ofrece ensino de idiomas para rapaces e rapazas ata 16 anos. “Nas memorias que anualmente elaboraba o profesorado do programa CUALE aparecía constantemente a suxerencia de abrir a posibilidade de ensino de idiomas ós adultos”, explica Javier Conde, director do IES Lama das Quendas, que soubo captar esta necesidade e poñerse a traballar para aunar forzas e demandar unha sección de inglés en Chantada, dependente da Escola de Idiomas de Monforte. “Ademais destes informes técnicos do profesorado, no instituto recibimos todos os anos xente que quere matricularse en inglés, e á que temos que remitir a Monforte porque o programa CUALE non acepta alumnado a partir dos 16 anos”, explica Conde. Logo dunha reunión coa directora da Escola de Monforte, Rosa Quiroga, “quen nos falou precisamente desta posibilidade”, Javier Conde iniciou unha rolda de contactos para facer forza común cara esta proxecto. “Consultamos ó Claustro e case por unanimidade votaron a favor desta petición”, explica o director do IES Lama das Quendas, quen tamén atopou o apoio do Consello Escolar “por total unanimidade”.

O PLENO DOS CONCELLOS DE CHANTADA, TABOADA E CARBALLEDO APOIOU POR UNANIMIDADE ESTA INICIATIVA

A idea dunha posible sección de inglés da Escola de Idiomas en Chantada non só sería un beneficio para os habitantes da capital comarcal, senón que tamén daría un importante servizo a toda a comarca chantadina. “É unha idea moi boa achegar ó alumnado a posibilidade de asistir á Escola de Idiomas, sobre todo en zonas desfavorecidas polas infraestruturas e recursos, como é o interior de Galicia”, precisa Rosa Quiroga, quen apunta ás dificultades derivadas “do mal acceso por estrada ou ferrocarril que hai nas zonas de interior, e cun servizo de autobuses praticamente nulo”. A evidencia da gran utilidade que tería a apertura dunha sección de inglés da Escola de Idiomas en Chantada quedou de manifesto co apoio por unanimidade que deron os Plenos dos Concellos de Chantada, Taboada e Carballedo, nos que todas as cores políticas uníronse para tratar de acadar este importante servizo.

APROVEITAR OS RECURSOS QUE XA TEN O INSTITUTO

Con todo este camiño andado, o director do IES Lama das Quendas seguiu coa tramitación administrativa que require esta solicitude, presentando un escrito diante da Inspección Educativa de Lugo. “Alí responderon que a decisión depende da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria”, precisa Conde. “Esperamos ter unha resposta positiva, xa que a única pega que pode poñer a Administración é o custe, e aquí praticamente non o habería”. O director do centro chantadino pasa a enumerar con absoluto convencemento a idoneidade do IES Lama das Quendas para ser sede desta sección de inglés da Escola de Idiomas. “O instituto está aberto pola tarde ata as dez da noite, xa que se imparten neste horario a ESO de adultos, e os programas CUALE e PROA, este último de reforzo e apoio escolar”, co que teñen xa amortizado o gasto en luz, calefacción e conserxería. Resolto o problema dos recursos materiais, queda en mans de Educación establecer se hai que contar cun profesor novo “ou optimizar a plantilla da Escola de Monforte, pero iso xa é unha decisión da Consellería”, explica Javier Conde, quen para seguir facendo forza “entre todos”, acudiu a Vicente Docasar, deputado socialista por Lugo no Parlamento de Galicia “ó que coñecía ben pola súa traxectoria como director do IES Daviña Rey”, e por ser ademais o portavoz de Educación do Grupo Socialista no Parlamento. “Queremos chegar por todas as canles posibles para dar realidade a esta sección de inglés en Chantada”, insiste Conde, que xa está a pensar en realizar unha prospección para ver en cifras máis aproximadas o que daría de sí a afluencia de alumnado dun servizo de ensino de idiomas que, de contar co beneplácito do Conselleiro, estaría funcionando xa o vindeiro curso.•

O DEPUTADO SOCIALISTA VICENTE DOCASAR DEFENDERÁ NO PARLAMENTO ESTA “XUSTA REIVINDICACIÓN” DA COMUNIDADE EDUCATIVA DO IES LAMA DAS QUENDAS

O deputado socialista Vicente Docasar intervén nunha das Comisións de traballo do Parlamento de Galicia. Arquivo EC.

O deputado socialista Vicente Docasar defenderá no Parlamento galego, tanto na Comisión de Educación como no Pleno, unha iniciativa para esixir a posta en funcionamento, no IES Lama das Quendas de Chantada, dunha sección da Escola Oficial de Idiomas de Monforte de Lemos, na especialidade de inglés. Docasar defenderá así “a xusta reivindicación da comunidade educativa” deste centro chantadino, pois “a aprendizaxe de idiomas tense convertido nos últimos tempos nunha cuestión fundamental tanto para mozos como para adultos”.

“O ENSINO DE IDIOMAS ABRE PORTAS NO ESIXENTE MERCADO LABORAL”

O socialista destacou que “ninguén dubida, a día de hoxe, que esta ensinanza abre portas para o acceso ó esixente mercado laboral”, ó tempo que precisou que “esa posibilidade de formación está ó alcance de moita xente nas cidades, pero resulta moito máis complicada en pequenas vilas do rural”. Docasar destacou ademais que a sección de Chantada “daría a posibilidade de prestar un importante servizo non só ó municipio de Chantada, senón tamén de toda a súa comarca, e incluso ós concellos limítrofes de A Ulloa”.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Sober, contra os estereotipos sexistas a través da música

Seguinte Nova

24 titulados universitarios lucenses mellorarán a competitividade das PEMES grazas ó programa Reacciona

Últimas noticias sobre CULTURA

   
A %d blogueros les gusta esto: