Polémica municipal en torno ós traballos no Parque dos Condes de Monforte

O Concello está a instalar unha pérgola para uso dos comerciantes

O Concello de Monforte respostou ás críticas de socialistas e populares, asegurando contar co permiso de Patrimonio, e que o feito de terse parado as obras foi por “cambiar a orde de execución” dos corpos das dúas pérgolas proxectadas. EC

O Concello de Monforte iniciou recentemente os traballos para a instalación dunha pérgola no lateral do Parque dos Condes, onde se desenvolve o mercadillo dominical e as diferentes actividades comerciais e expositivas en diversos eventos festivos ó longo do ano. O pasado día 13, a Dirección Xeral de Patrimonio paralizou as obras “tras recibir unha denuncia e comprobar comprobar que o Concello non solicitara a preceptiva autorización previa”.

INFORME DE PATRIMONIO SOBRE ESTE PROXECTO

Dende Patrimonio explicaban que o Concello de Monforte contaba con dous proxectos autorizados para a zona das casetas, pero ningún para executar unha pérgola de 40 metros a continuación das mesmas. Os responsables de Patrimonio informaron tamén de que en febreiro de 2013 autorizouse un proxecto que contemplaba unha reforma das casetas e a construción dunha pérgola de 25 metros que se situaría a continuación. Según Patrimonio, “sen ter comezados os traballos, en outubro de 2013 o concello presentou un modificado do proxecto, referido única e exclusivamente ao tramo das casetas e no que anunciaba que deixaba previsto o espazo de colocación doutra pérgola para unha execución futura, pero sen concretar as características técnicas, pois este elemento sería obxecto dunha solicitude posterior”. Esta intervención tamén obtivo a autorización de Patrimonio nos termos en que se presentaba, é dicir, sen incluír ningunha actuación máis alá da zona que na actualidade ocupan as casetas. Según isto, e en base á resolución da Dirección Xeral de Patrimonio, o Concello terá que limitar a 25 metros a lonxitude da pérgola que se propón construír, repoñer o chan do Parque dos Condes nos outros 15 metros afectados pola intervención paralizada, e presentar outra proposta de actuación se pretende ampliar ou modificar o autorizado.

O PP ESIXE ACLARACIÓNS SOBRE O FUTURO DA OBRA

O feito de que Patrimonio dera a orde de paralizar os traballos levantou a polémica política a nivel municipal. Julia Rodríguez, voceira do PP, falou de “despropósito na xestión municipal”, e conminou ó alcalde a “aclarar se a obra se vai realizar en función da autorización que se obtivo de Patrimonio, ou se o Goberno local vai persistir na colocación dunha estrutura de 40 metros de largo, para o que tería que solicitar un novo permiso”.

OS SOCIALISTAS CRITICAN QUE ESTA “CHAPUZA” SE SUME A “OUTRAS ACTUACIÓNS SIMILARES”

Pola súa banda, o voceiro socialista, José Tomé, presentou un escrito no Concello onde solicitaba copia de todos os documentos que integran o expediente desta obra, ó tempo que criticou a imaxe de “chapuza” que se está a transmitir á sociedade “cunha obra que non se adapta ó previamente autorizado, que se modificou sen permiso nunha zona afectada, e que vense a sumar a outras actuacións en similares circunstancias que ten feito o Concello nos últimos anos, corrixidas tamén por Patrimonio, pero que tiveron un elevado custe para os veciños de Monforte”.

O GOBERNO LOCAL DEFENDE A EXISTENCIA DOS PERMISOS, E DE QUE A PARALIZACIÓN VEU “SÓ POR UN CAMBIO NA ORDE DE EXECUCIÓN DAS OBRAS”

A concelleira de Facenda e primeira tenente de Alcalde do Concello de Monforte, Mª José Vega Buján, criticou que o voceiro socialista “a pesar de manexar o expediente de solicitude de autorización a Patrimonio, continúe insistindo na hipotética ausencia desta autorización”. Vega Buján explicou tamén que “o único delito que cometemos foi cambiar a orde de execución das pérgolas, entendendo que Patrimonio informara favorablemente a última petición do Concello, cuestión na que radica a diferenza de interpretación”. A concelleira nacionalista sinala que “no caso de ter empezado a obra pola zona das casetas, tal como tiñamos previsto inicialmente e antes de que os propios vendedores do mercado nos solicitasen que o fixésemos na zona máis próxima á rúa Cardeal, non habería ningún problema”. “O Concello entende que dá igual a orde de execución do proxecto, cousa que para Patrimonio non é así”, suliña Vega Buján, que explica que “Patrimonio autorizou desde un primeiro momento a actuación na zona do auditorio e, despois de que o Concello modificase a utilización dalgúns materiais na construción da pérgola, non puxo reparos no seu segundo informe con data de febreiro de 2013”.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O PP de Monforte iniciou contactos con asociacións e colectivos cara ós Orzamentos municipais 2014

Seguinte Nova

A Xunta investiu máis de 20.000 euros na eliminación de puntos de verquido incontrolados no municipio de Paradela

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

A %d blogueros les gusta esto: