Unha iniciativa cidadá busca revertir a sorte da Lotería en solidaridade e progreso para Monforte

Nove dos dez monfortinos promotores da iniciativa para crear unha fundación que administre fondos procedentes dos premios repartidos en Monforte na Lotería de Reis. EC.

Cando aínda a cidade do Cabe estase a recompoñer tralo impacto do primeiro premio da Lotería de Reis, que caiu íntegro en Monforte, un grupo de monfortinos e monfortinas sorprendía a todos presentando unha iniciativa singular, da que non se coñecen precedentes noutras vilas tocadas pola deusa Fortuna. O pasado 25 de xaneiro, nove cidadáns procedentes de diversos ámbitos sociais e empresariais da vila facían pública unha iniciativa para crear unha fundación que administre, en beneficio do progreso de Monforte, fondos procedentes deste premio da Lotería e de achegas de particulares.

XERAR IDEAS PARA QUE O DIÑEIRO DO PREMIO REVERTISE EN MONFORTE

O anfitrión do acto, celebrado no Centro do Viño de Monforte, foi Severino Rodríguez, que xustificou a súa presencia «en calidade de Alcalde de Monforte, aínda que os protagonistas son os cidadáns que tiveron a idea». O rexedor local explicou que a iniciativa partiu dalgúns agraciados no sorteo de Reis, e que a idea naceu marcada cun carácter de axuda social, aínda que despois de varias reunións, foi ampliando o seu campo de acción. Severino Rodríguez destacou como idea sustancial desta iniciativa «que o diñeiro do premio revertise en Monforte». A materialización desta idea tería como primeiro paso crear unha asociación que botase a andar oficialmente e a través da que se puidese avanzar na creación dunha fundación, baixo a posible denominación de «Fundación Semente de Monforte de Lemos», nome que aglutinaría a idea de sementar coa referencia á mente, ás ideas. A asociación sería un paso previo á fundación, «xa que este tipo de figuras xurídicas teñen un trámite máis complicado e que require de tempo», explicou o alcalde, e coa asociación legalmente constituída, abrirase unha conta bancaria para recibir as achegas económicas, procendentes dos premios ou de calquer outra aportación cidadá.

UNHA FUNDACIÓN DE CARÁCTER SOCIAL E DE APOIO ÓS EMPRENDEDORES

Severino Rodríguez precisou que a fundación que se pretende crear tería unha doble finalidade. Por unha banda, esta entidade adicaría parte do diñeiro recadado a adquirir alimentos e artigos de primeira necesidade con destino ós cidadáns e cidadás de Monforte máis necesitados. Esta actuación complementaríase, según explicou o alcalde, coa creación dunha liña de becas para financiar os estudos universitarios da mocidade con poucos recursos económicos. Por outra banda, a fundación destinará parte dos seus fondos para financiar proxectos empresariais que se vaian desenvolver en Monforte. Con este fin, crearíase unha páxina web que serviría para recoller as iniciativas e proxectos procedentes de calquer punto do Estado, e que serán valorados por unha comisión integrada por expertos vinculados a Monforte e ás universidades galegas, co fin de decidir a que proxectos se destina a financiación.

UN PROXECTO «DE TODA A CIDADE»

O alcalde de Monforte rematou a súa intervención manifestando sentirse «orgulloso de que houbera cidadáns que tivesen esta idea despois de recibir un premio económico», e destacou que este «é un proxecto de toda a cidade», ó tempo que agradeceu a implicación de dúas das monfortinas máis universais, en referencia á expresidenta do Tribunal Constitucional, Mª Emilia Casas, presente no evento, e á periodista Julia Otero, que non puido acudir á presentación do proxecto. As demais persoas vinculadas a esta iniciativa proceden do mundo da educación, como Sara Fernández, Manuel López Eiriz e José Ramón Casanova; do eido da empresa, como César Vázquez e Ovidio Pérez Reñones; e tamén do mundo da cultura, como Pilar López e Ramón Rodríguez. Os presentes destacaron que a asociación que se constitúa desaparecerá unha vez exista a fundación, ou tamén se, finalmente, esta non se chegase a crear. Neste caso, os fondos recadados destinaranse a fins sociais. Os promotores da idea suliñaron que a constitución da fundación vai depender da resposta económica da cidadanía, e precisaron que esta iniciativa «está aberta á participación de todas as persoas que o desexen».•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Marcas LugoSabe e Lug02: aposta pola calidade para impulsar a gastronomía e hostelería lucenses

Seguinte Nova

Nuñez Feijóo preside el acto de inauguración de la nueva ETAP de Monforte

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Chantada contra o cancro

A solidariedade e a conciencia social uníronse en Chantada nunha loita colectiva contra o cancro. No pasado mes de decembro, a directiva
Ir aInicio