A cita gastronómica celébrase do 14 ó 16 de febreiro
Ás portas do Entroido, o calendario gastronómico impón acudir ó cocido como prato indispensable. Na comarca de Sarria levan varios anos aproveitando estas datas para exaltar como se merece a calidade e a singularidade do porco celta, coa celebración da Festa do Cocido do Porco Celta da comarca de Sarria, que este ano acada a súa sexta edición. Unha cita que enche a fin de semana do 14 ó 16 de febreiro, con degustacións, mesas redondas e o gran xantar do sábado, que se espera reúna preto de 500 persoas no pavillón dos institutos de Sarria.
APOIO DA DEPUTACIÓN ÓS PRODUTOS AUTÓCTONOS DE CALIDADE
A VI Festa do Cocido do Porco Celta da comarca de Sarria foi presentada o día 11 no Mercado de Abastos de Lugo, coa asistencia de autoridades provinciais, municipais e responsables das empresas agroalimentarias e hosteleiras da zona. A vicepresidenta segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, destacou a importancia do apoio a iniciativas coma esta cita, que contribúen á difusión dos produtos autóctonos de calidade, que son un recurso excepcional para dinamizar a economía da provincia, especialmente no rural. A colaboración do organismo provincial coa Festa do Porco Celta enmárcase na súa aposta polo impulso dos produtos autóctonos de calidade para xerar riqueza na provincia, como fai coa Festa da Empanada de Chantada ou a Festa da Castaña do Courel, entre outras. Lara Méndez destacou que a cría do porco celta e a produción e venta dos seus derivados acadan cada ano mellores cifras, ó aumentar a demanda grazas á difusión das súas cualidades de sabor e calidade con iniciativas como a Festa do Cocido de Porco Celta da comarca de Sarria, que aproveitan as opcións de hostaleiros, produtores e criadores.
112 PRODUTORES DE PORCO CELTA NA PROVINCIA
Pola súa banda, o Director Técnico de ASOPORCEL, José Antonio Carril, agradeceu o apoio da institución luguesa para organizar a cita, e explicou que a festa gastronómica non podería realizarse de non ser polas colaboracións con establecementos da zona que promocionan o produto durante todo o ano e ofrecen pratos especiais durante os días da festa. ASOPORCEL integra a 400 gandeiros de porco celta, dos que 112 son da provincia de Lugo e crían preto de 1.400 animais inscritos no Libro Xenealóxico Oficial. Debido á alta demanda, que actualmente duplica a oferta, e ó elevado prezo que alcanza a carne deste animal no mercado, a actividade gandeira con porco celta supón unha interesante posibilidade de negocio para os produtores lucenses. A cría de porco celta xera postos de traballo na produción primaria e na transformación e comercialización, e hai que lembrar que os custes de cría son similares ós doutras razas pero a súa carne ten un prezo máis elevado no mercado. Un quilo de carne de porco celta págase a 8 euros de media, os leitóns entre 60 e 100 euros, e un animal adulto pode custar 900 euros. Os xamóns de porco celta cotízanse a prezos similares ós de Guijuelo.•
O cocido do porco celta, protagonista das tapas e degustacións ó longo da fin de semana
A capital da comarca sarriana centra, un ano máis, os actos de celebración da VI Festa do Cocido do porco celta. Xa na tarde do venres 14, o Hotel Carrís Alfonso IX acolle, a partir das 19 horas, unha mesa redonda, seguida dunha degustación de produtos derivados do porco celta. O día grande será o sábado 15 de febreiro, cando se proceda á lectura do pregón ás 13,30 horas, a cargo de Carlos Lema, presidente da Asociación de Xuristas Galegos en Madrid. Ó mediodía, o pavillón dos institutos voltará reunir ós aficionados á boa mesa para disfrutar do xantar de cocido de porco celta. Para baixar a comida, e logo dunha boa sobremesa, todo estará disposto na discoteca Buddha, a partir das 20,00 horas, para celebrar como se merece a festa do porco celta. Pero aínda hai máis, xa que o domingo 16 os bares e restaurantes organizadores servirán porco celta á hora do xantar. En Sarria, os establecementos organizadores son Hotel Carrís Alfonso IX, Hotel Roma e Cafetería Santiago; en Samos, organizan Hotel Veiga e Casa de Díaz.•