A exposición inclúe fotografías desta singular celebración dende 1948

Dende a Delegación de Cultura do Concello de Bóveda están a ofrecer unha serie de actividades que van máis aló da intervención no lecer ou na cultura, para mergullarse no interesante mundo da historial local. Unha mostra deste traballo a medio camiño entre a investigación e a divulgación é a exposición fotográfica sobre a tradición da Festa de Reis en Bóveda, que amplía o seu prazo ata o 24 de febreiro no Centro Sociocultural. Dende a Delegación de Cultura do Concello veñen a preparar con especial atención a Cabalgata de Reis, como resposta a unha tradición moi arraigada en todo o municipio. Botando man de testemuñas orais da veciñanza, e coa aportación, por parte destes veciños e veciñas que de nenos e novos disfrutaron e participaron nos Reis, os responsables de Cultura do Concello compuxeron esta exposición fotográfica de gran valor etnográfico.

30 VECIÑOS PARTICIPARON NA REPRESENTACIÓN DO 6 DE XANEIRO DE 1948
As fotos máis antigas remontan a finais dos anos 40, cando don Andrés Salgado Pérez, que acabara de mestre en Rubián e Teilán, promovera unha representación dun auto sacramental o 6 de xaneiro de 1948 na que participaran preto de 30 xóvenes da parroquia. Según contan os máis vellos, esta obra “trouxéraa un señor de Castela que traballaba no ferrocarril, e que xa se representara antes da guerra dúas veces”. O escenario fora o campo da feira de Rubián, e os veciños botaron dous meses entre ensaios e preparación de traxes e escenografía.
ADAPTACIÓN DA CABALGATA ÓS TEMPOS
Logo do parón que supuxo a emigración, a festa recupérase nos anos 60, cando chega a Bóveda don Modesto. A gran tarefa de dinamización sociocultural que fixo este cura na parroquia é recoñecida polos veciños, que din que incluso don Modesto implicábase na cesión das roupas necesarias para representar “os Reis de Bóveda”. De 1963 é a primeira Cabalgata celebrada no municipio, cando os Reis ían dacabalo acompañados de gran cantidade de paxes e figurantes. A evolución da tradicional cabalgata dende entón ata agora rexistra cambios no itinerario, debidos sobre todo ó aumento do tráfico rodado; e tamén no medio de transporte, xa que os cabalos reais foron sustituidos nos 70 por pequenos tratores con remolque. Varias e diversas foron as mudanzas nesta celebración, que, iso sí, segue a manter intacto o espíritu festivo dun pobo.•