Un novo concepto da festa en Galicia

(Foto cedida Verbena Galega)
Que é a Verbena Galega?
A Verbena Galega é un proxecto que procura renovar as festas de pobos e parroquias dun xeito alegre e festivo. O tráiler da Verbena chega a calquera vila ou torreiro, móntase o escenario e o que nel acontece é unha grande festa centrada na música galega, tanto a tradicional-folk como a música actual. Pensamos que é necesario renovar a oferta cultural e por iso xorde a iniciativa, sempre pensando en que a proposta sexa de primeiro nivel, pero tamén en facilitar a todos os niveis que as comisións de festas conten cunha proposta como sempre houbo pero como nunca se viu, xa que a música galega sempre estivo aí, pero nesta ocasión subímola a un grande escenario, cunha producción (luz e son) de gran nivel, e creamos un espectáculo que pode estar á altura de calquera orquestra/pachanga latina que estamos acostumados a ver. Máis aínda! Mellorando estas propostas, dado que a escolla musical e a orixinalidade das músicas que van sonar están fóra de dúbida.
De que músicas podemos desfrutar coa Verbena Galega?
A Verbena Galega achega 5 horas de música, baile e festa, música de sempre con grupos que todo o mundo coñece como Uxía, Malvela, Pandeiromus, A Orquestra Os Modernos ou Coanhadeira no plano do tradicional e bandas como O Sonoro Maxín, Talabarte, Caxade, A Magnifique Band, Os Cuchufellos ou mesmo Dios Ke Te Crew, entre outros. A proposta consta, pois, dun grupo de música tradicional-folk, un grupo de música actual e un peche de sesión cun picadiscos que recuperará éxitos de hoxe e sempre na nosa música facendo unha sesión única, adaptándoa aos gustos do público de cada lugar.
Como se estrutura o espectáculo da Verbena Galega?
Na nosa web www.verbenagalega.org temos un configurador no que poder escoller os grupos que queres levar á túa festa, así como figura a opción de completar a velada con circo, pasarrúas e incluso unha presentadora ou presentador coñecido que conduza a gala. Estrutúrase como a comisión de festas ou os programadores consideren, sempre coa actuación de dous grupos e o picadiscos, ademais de cos complementos que se queiran engadir dentro das posibilidades que ofrece o proxecto, que son moitas.
A Verbena Galega está pisando forte nas festas da nosa terra. Cómo está a ser a acollida da xente?
A acollida foi sempre incrible. Atopamos un público que non tiña ata o de agora unha opción similar, xente que gosta da música tradicional ou das novas músicas que se están a facer en Galicia e que ata o de agora non atopaba estas propostas nas nosas festas. Ademais, as críticas ao formato da Verbena Galega son moi boas, xa que atopamos un grande escenario, moi aparente e á altura de calquera boa orquestra, así como a iluminación e o son, moi coidados e pensados para que quen se achegue a ver a nosa verbena vexa un grande espectáculo, unha aposta chea de cor e de moi boa música.•