MANUEL ROXO, responsable de VERBENA GALEGA: “Queremos renovar as festas dos pobos e parroquias, e facilitar ás Comisións de Festas unha proposta excepcional de música galega”

Un novo concepto da festa en Galicia

Un momento do espectáculo Verbena Galega, coa actuación do grupo Pandeiromus, na Praza de Santa María en Lugo, o Día das Letras Galegas 2013. (Foto cedida Verbena Galega)
Un momento do espectáculo Verbena Galega, coa actuación do grupo Pandeiromus, na Praza de Santa María en Lugo, o Día das Letras Galegas 2013.
(Foto cedida Verbena Galega)

Que é a Verbena Galega?

A Verbena Galega é un proxecto que procura renovar as festas de pobos e parroquias dun xeito alegre e festivo. O tráiler da Verbena chega a calquera vila ou torreiro, móntase o escenario e o que nel acontece é unha grande festa centrada na música galega, tanto a tradicional-folk como a música actual. Pensamos que é necesario renovar a oferta cultural e por iso xorde a iniciativa, sempre pensando en que a proposta sexa de primeiro nivel, pero tamén en facilitar a todos os niveis que as comisións de festas conten cunha proposta como sempre houbo pero como nunca se viu, xa que a música galega sempre estivo aí, pero nesta ocasión subímola a un grande escenario, cunha producción (luz e son) de gran nivel, e creamos un espectáculo que pode estar á altura de calquera orquestra/pachanga latina que estamos acostumados a ver. Máis aínda! Mellorando estas propostas, dado que a escolla musical e a orixinalidade das músicas que van sonar están fóra de dúbida.

De que músicas podemos desfrutar coa Verbena Galega?

A Verbena Galega achega 5 horas de música, baile e festa, música de sempre con grupos que todo o mundo coñece como Uxía, Malvela, Pandeiromus, A Orquestra Os Modernos ou Coanhadeira no plano do tradicional e bandas como O Sonoro Maxín, Talabarte, Caxade, A Magnifique Band, Os Cuchufellos ou mesmo Dios Ke Te Crew, entre outros. A proposta consta, pois, dun grupo de música tradicional-folk, un grupo de música actual e un peche de sesión cun picadiscos que recuperará éxitos de hoxe e sempre na nosa música facendo unha sesión única, adaptándoa aos gustos do público de cada lugar.

Como se estrutura o espectáculo da Verbena Galega?

Na nosa web www.verbenagalega.org temos un configurador no que poder escoller os grupos que queres levar á túa festa, así como figura a opción de completar a velada con circo, pasarrúas e incluso unha presentadora ou presentador coñecido que conduza a gala. Estrutúrase como a comisión de festas ou os programadores consideren, sempre coa actuación de dous grupos e o picadiscos, ademais de cos complementos que se queiran engadir dentro das posibilidades que ofrece o proxecto, que son moitas.

A Verbena Galega está pisando forte nas festas da nosa terra. Cómo está a ser a acollida da xente?

A acollida foi sempre incrible. Atopamos un público que non tiña ata o de agora unha opción similar, xente que gosta da música tradicional ou das novas músicas que se están a facer en Galicia e que ata o de agora non atopaba estas propostas nas nosas festas. Ademais, as críticas ao formato da Verbena Galega son moi boas, xa que atopamos un grande escenario, moi aparente e á altura de calquera boa orquestra, así como a iluminación e o son, moi coidados e pensados para que quen se achegue a ver a nosa verbena vexa un grande espectáculo, unha aposta chea de cor e de moi boa música.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Sarria conta cun novo vehículo motobomba para a extinción de incendios

Seguinte Nova

Sober recibiu a visita de membros da plataforma internacional Pangea

Últimas noticias sobre INICIATIVAS

A %d blogueros les gusta esto: