•Dende o Concello valoran moi positivamente este dato, que explican pola mellor reciclaxe que realiza a cidadanía, e pola “beneficiosa influencia” do sistema de cubeo
A Concellería de Servizos Municipais fixo públicos os datos referentes á recollida de lixo en 2013, que rexistraron unha redución do 2% na cantidade de residuos sólidos urbanos, cun total de 6.329,20 toneladas de residuos recollidos nas bolsas negras. Esta diminución implica un menor gasto no que se paga a Sogama por este concepto, e que ascende a 60 euros por tonelada. En canto á recollida selectiva, a reciclaxe do vidro medrou un 15% respecto a 2012, con 247 toneladas recollidas, mentres que no papel e cartón houbou unha diminución de 5% nos contedores específicos, debida á recollida “porta por porta” que o Concello realiza para favorecer ós negocios a recollida deste tipo de materiais. En canto á recollida de envases, diminuiu nunha tonelada, debido a unha mellor selección do lixo, o que propiciou un 20% menos de presencia de impropios no colector amarelo, evitando as sancións para os Concellos con máis dun 22% de porcentaxe. A recollida do aceite doméstico segue en alza, cun 3% máis que en 2012. Pola súa banda, a recollida gratuíta a domicilio de mobles e enseres que realiza o Concello medrou case un 10%.•