Polémica municipal por un informe que cualifica de «caótica e antigua» a rede de saneamento de Monforte

O estado da rede enfronta ó Goberno local e ós populares

Obras na rede de saneamento de Monforte en 2008. Arquivo EC.
Obras na rede de saneamento de Monforte en 2008. Arquivo EC.

A polémica política da quincena en Monforte estivo centrada no estado da rede de saneamento. A comezos deste mes, o Grupo Municipal do Partido Popular de Monforte daba a coñecer o texto dunha moción para o Pleno mensual na que se demandaba ó Goberno local a proceder á «renovación paulatina» da rede e instalacións de saneamento público, «priorizando» a renovación daqueles elementos que «de xeito reiterado» tiveran sufrido incidencias «polo seu mal estado». Dende o PP argumentaban esta solicitude «co obxectivo de evitar danos e perxuicios ós veciños, e sancións para o Concello». Os populares pedían ademais que se requerira á empresa concesionaria, que dende 2001 é Aqualia, según se explica na moción do Grupo popular, «a cumplir o contrato nos seus propios términos e acometa as necesarias obras de mantemento e conservación» e, de non cumplirse, incoar o expedientes sancionadores procedentes según o contrato.

DATOS DO INFORME DA XUNTA QUE RECOLLE A MOCIÓN DO PP

A polémica xurdía cando os populares botaban man, para argumentar a súa moción, dun informe da Xunta de Galicia no que se daba conta «dun sistema de saneamento antiguo, que evolucionou de maneira caótica, sen planificación e coordinación». Según este informe, o saneamento de Monforte rexistra «graves problemas de infiltracións e acometidas de augas pluviais». Ademais, o informe indica que «se descoñece case na súa totalidade a rede de saneamento», e que a depuradora de Piñeira presenta «graves deficiencias». Na súa moción, os populares recollen o dato, tomado do informe da Xunta, da existencia de aliviadoiros directos ó río Cabe, que son «permanentes incluso en tempo seco en distintos puntos». Os populares de Monforte indicaban tamén que o documento do PXOM que se someteu á aprobación inicial falaba de «insuficientes e desfasadas infraestruturas que comportan a degradación das augas e os ecosistemas acuáticos», e acompañaban no texto da moción as queixas de veciños e as averías e danos en diversas rúas da cidade.

SANCIÓNS DERIVADAS DESTAS DEFICIENCIAS

O Grupo Municipal do PP lembraba tamén as sancións que o Concello recibiu polos verquidos derivados deste «mal estado das instalacións», en referencia ós 13.043 euros pagados en febreiro de 2013 pola sanción do verquido de aliviadoiros de colector, e ós 32.140 euros de novembro dese ano da multa polos vertidos de augas residuais ó regato Carballo.

O CONCELLO SOLICITOU HAI DOUS ANOS A ELABORACIÓN DE DITO INFORME

Unha vez que se coñeceu o contido da moción presentada polos populares baseada no informe da Xunta de Galicia, o Goberno municipal de Monforte fixo pública unha aclaración sobre a postura do Concello ante estas informacións. Así, os responsables municipais afirmaron que foi o propio Concello de Monforte quen, «coñecedor das deficiencias da actual rede de saneamento», solicitou hai dous anos a elaboración do citado informe á Xunta de Galicia.

O CONCELLO AÍNDA ESPERA A QUE AUGAS DE GALICIA LLE DEA O CONSENTEMENTO PARA PUBLICAR O INFORME

Este informe, elaborado por técnicos de Augas de Galicia, foi recibido no Concello de Monforte na primeira quincena de xaneiro de 2014, e unha vez analizado o seu contido cos técnicos municipais, o alcalde contactou con Augas de Galicia para comunicarlle que quería presentar o informe ós medios de comunicación. Según explican os responsables municipais, o rexedor local consultou co organismo autonómico sobre cómo e quen debería realizar dita comunicación pública, se o Concello en solitario, ou só Augas de Galicia, ou ben realizar unha información conxunta de ambas entidades. Dende o Concello de Monforte informaron de que cando o Partido Popular presentou a moción, «aínda estaba agardando unha resposta de Augas de Galicia para poder realizar a presentación do informe á cidadanía». Dende o Concello de Monforte insisten en que o Goberno local «actuou, unha vez máis, co debido respecto institucional entre as administracións, dirixíndose a quen elaborou o informe antes de dalo a coñecer». Asimesmo, dende o Concello afirmaron que «sempre se traballou na procura de financiamento para asumir obras que, polas súas características, resultan imposibles de afronta sen a colaboración de varias institucións». Lembraron asimesmo que o Concello é sabedor das deficiencias na rede de saneamento, como proban as «custosas» actuacións desenvolvidas nos últimos anos nas rúas Calvo Sotelo, San Pedro, Ourense e Chantada, entre outras. Severino Rodríguez agarda «que a voceira do PP en Monforte utilice os mesmos privilexios dos que gozou para dispor deste informe para algo máis produtivo que distribuílo entre os medios de comunicación ou presentar mocións no Pleno». «A ver se dunha vez por todas Julia Rodríguez utiliza a súa condición de parlamentaria do partido que ostenta o Goberno galego para facer algo en beneficio de Monforte, neste caso para conseguir financiamento para as obras que corrixan as deficiencias da rede de saneamento».•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O Pazo de Tor, esceario principal da adaptación cinematográfica da novela “A esmorga”

Seguinte Nova

O BNG-Lugo Sul organizou en Monforte unha charla informativa sobre a reforma da lei do aborto

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

A %d blogueros les gusta esto: