O vídeo proxectarase durante as visitas á Estación, e estará dispoñible dende a web da Universidade de Santiago

A comezos de febreiro, tivo lugar na Estación Científica que a Universidade de Santiago de Compostela (USC) ten en Seoane a presentación dun documental sobre a Serra do Courel, realizado pola Fundación TIC, dependente da Deputación de Lugo, e a USC. O patrón da TIC e deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos, afirmou que este documental ten como finalidade “a difusión do importante labor de investigación e docencia que a USC está a desenvolver nesta área da montaña de Lugo, que agarda a declaración de Parque Natural”. Este vídeo proxectarase durante as visitas ó centro, e será accesible dende a páxina web da universidade compostelá. Santos salientou “a calidade deste traballo de colaboración entre a TIC e a USC, no que se fai fincapé nos valores históricos, culturais, ecolóxicos e paisaxísticos da Serra do Courel”, como o pregamento de Campodola, declarado recentemente Monumento Natural pola súa significación xeolóxica. No vídeo tamén se amosan as instalacións da Estación Científica do Courel, preparada para recibir as visitas de grupos de estudiantes, así como o traballo e a estadía de ata oito investigadores.