A Deputación de Lugo ofreceu á de Ourense sumarse ó autobús promocional da candidatura Ribeira Sacra

•O ofrecemento institucional tivo lugar en Nogueira de Ramuín, durante a reunión da Comisión de Seguimento •Ademais, a Comisión avanzou no desenvolvemento da imaxe corporativa da candidatura, e estableceuse un orzamento inicial de 60.000 euros, que aportarán as dúas Deputación e o Consorcio

Monforte foi unha das primeiras paradas do autobús promocional, posto en marcha pola Deputación de Lugo para acadar firmas en apoio á candidatura da Ribeira Sacra. Arquivo EC.
Monforte foi unha das primeiras paradas do autobús promocional, posto en marcha pola Deputación de Lugo para acadar firmas en apoio á candidatura da Ribeira Sacra. Arquivo EC.

O autobús promocional que puxo en marcha a Deputación de Lugo en outubro de 2013 para acadar o apoio da cidadanía á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade conseguiu máis de 6.000 sinaturas en tan só tres meses. Dende o organismo provincial consideran un “éxito” esta cifra, que interpretan como “unha razón de peso para animar á Deputación ourensá a poñer en marcha unha ruta similar pola provincia de Ourense”. Así o manifestou a vicepresidenta segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, durante a xuntanza da Comisión de Seguemento do Convenio para o impulso da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, celebrada este mes en Nogueira de Ramuín. O ofrecemento á Deputación ourensá de sumarse á iniciativa do autobús promocional responde á intención da Deputación lucense “de que este proceso sexa un compromiso compartido a todos os niveis por todos os implicados, tal e como defendimos sempre”, explicou Méndez, quen precisou que, nese caso, o autobús cambiaría a súa rotulación para que estean representadas as dúas provincias.

A CANDIDATURA, UN “RETO COLECTIVO”

Lara Méndez insistiu no carácter de “reto colectivo” desta iniciativa, como quedou de manifesto no convenio asinado en decembro polas dúas Deputacións e o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra. “O éxito da candidatura pasa pola unidade e a suma de esforzos”, precisou a vicepresidenta da Deputación de Lugo. Ademais desta cuestión, a Comisión de Seguemento da candidatura aprobou a adenda ó convenio firmado en decembro pasado, pola que se dá cabida ós Concellos de Monforte, Sober, Nogueira de Ramuín e Parada de Sil, así como ó Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. A comisión debatiu tamén sobre a imaxe corporativa da candidatura sobre unha proposta da xerente do Consorcio, que serviu de base para o que será o deseño definitivo, así como para a elaboración do manual de identidade corporativa e o plan de comunicación. A comisión aprobou asimesmo os modelos de sinatura e de adhesión elaborados pola Deputación de Lugo, ós que se engadirá a nova imaxe unha vez aprobada, así como un orzamento “de arranque” da comisión, dotado con 60.000 euros, aportados por igual polas Deputacións e o Consorcio de Turismo.•

AGE RECLAMOU PLANOS DE DINAMIZACIÓN ECONÓMICA E CULTURAL PARA A RIBEIRA SACRA

Alternativa Galega de Esquerda, a través dos seus deputados Xabier Ron e Ramón Vázquez, rexistrou este mes no Parlamento de Galicia dúas proposicións non de lei para reclamar planos de dinamización económica e cultural para a Ribeira Sacra. “O Parlamento de Galicia acordou en Pleno avanzar na declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade segundo a Unesco”, explican na argumentación dos textos, “pero iso non significa nin a preservación do patrimonio do lugar nin a participación activa da cidadanía nin implicación das administracións”. Para garantir eses aspectos, as iniciativas de AGE propoñen un “plan de dinamización económica e medioambiental na contorna xeográfica da Ribeira Sacra con cronoloxía e memoria orzamentada” e un “plan de defensa, preservación, restauración, divulgación e investigación do patrimonio cultural e natural da Ribeira Sacra”. Ademais, esixen completar a rede de saneamento e erradicar a contaminación fitosanitaria das terras da ribeira, apoiar o sector leiteiro, mellorar o transporte público, eliminar os vertedoiros incontrolados, catalogar petroglifos e arquitectura románica ou musealizar o castro de San Vicente en Monforte de Lemos. “Todo contando coa participación veciñal e a implicación económica das administracións”. Os deputados de AGE entenden que esta iniciativa “non debe ser unha musealización mal entendida da zona, senón unha contribución a manter un territorio vivo onde as xentes se impliquen na vida económica e cultural”. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O Concello de Sober abre o prazo de inscrición nos cursos para a obtención do CELGA

Seguinte Nova

A Peña Barcelonista organiza para o 21 de marzo o acto central do seu 10º aniversario

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: