Comparsas e disfraces encherán de cor e imaxinación as rúas do sur lucense
A chegada do Entroido activa a axenda lúdica do sur lucense, con desfiles e festas en todos os puntos da contorna.
MARTES DE ENTROIDO, DESFILE DE COMPARSAS EN MONFORTE
En Monforte, a cita co Entroido será o martes 4 de marzo no Desfile de Comparsas e Disfraces, que se iniciará na Praza da Estación ás 17 horas, percorrendo as rúas de Calvo Sotelo e Roberto Baamonde, rematando na Praza da Compañía. As comparsas optarán a catro premios na modalidade adultos, e un na infantil, e os disfraces individuais a dous premios, adulto e infantil. O Concello de Monforte destina un total de 10.700 euros a estes premios de Entroido.
ENTROIDO RIBEIRAO E DESFILE EN CHANTADA
Chantada conta con doble celebración, xa que ó singular Entroido Ribeirao de Santiago de Riba hai que unirlle o desfile polas rúas da vila de Chantada, que se celebrará o martes de Entroido a partir das 17 horas. O desfile de comparsas e disfraces sairá da Avenida de Lugo, diante de Geriatros, e continuará por Praza de Santa Ana, Avenida de Ourense, Praza Catro Camiños, Doutor Mariano Cedrón e rematará na Praza de Santa Ana, e se chove será na Praza de Galicia. Haberá catro premios para categoría adulto, e catro para infantil, que se repartirán en total 1.320 euros. En Santiago de Riba, o domingo 3 de marzo comezará a festa ás 16 horas, cos tradicionais volantes, e a actuacion do grupo de gaitas Os de aquí e os de aculá, de Vigo, para seguir o martes de Entroido, tamén dende as catro da tarde, cun sorteo sorpresa entre os asistentes, e pinchos e viños para todos. Ó remate do “choro do pucho”, haberá unha merenda popular, e o Meniño agasallará con gominolas ós nenos e nenas presentes.
DOMINGO E LUNS DE ENTROIDO EN SARRIA
En Sarria, o domingo 2 de marzo será o Gran Desfile, que percorrerá as rúas da vila xacobea dende as 17,30 horas. A comitiva partirá do barrio da Estación e rematará no Campo do Río, e a carpa para a entrega dos premios situarase na rúa dos viños (rúa Diego Pazos). Repartirase un total de 3.300 euros en 18 premios, e a continuación, terá lugar a actuación da Orquestra Principal. O luns 3 de marzo é o día do Entroido Infantil en Sarria, que se celebrará en La Unión a partir das 16 horas. Pola noite será o turno do público adulto, coa Gran Festa na rúa dos viños a partir das 23,30 horas. A festa estará amenizada por un dj, e haberá un sorteo para os mellores disfraces con premios de ata 1.500 euros.
DOMINGO DE ENTROIDO EN PANTÓN
O Desfile de disfraces de Pantón terá lugar o domingo 2 de marzo, saíndo da zona do colexio Monte Baliño ás 17 horas, e rematará na Praza do Concello, onde haberá unha chocolatada-baile, onde se entregarán agasallos para todos os nenos e nenas. O concurso de disfraces terá lugar ó final do desfile, e premiaranse tres categorías para adultos e tres para comparsas infantís, repartindo un total de 1.670 euros en premios.
SÁBADO, DÍA GRANDE EN SOBER
O desfile de Sober será o sábado de Entroido, cunha gran comparsa que percorrerá as rúas da localidade, coa participación de membros da Banda de Música, alumnado da Escola Municipal de Música, os nenos e nenas do PAI, o alumnado do CEIP Virxe do Carme e a veciñanza de Sober. Ó remate, todos os participantes na gran comparsa disfrutarán do VIII Baile da Cachucha na Praza do Concello, onde haberá unha degustación gratuíta de cachucha, pan do país e viño de Amandi, así como premios para os mellores disfraces. Durante toda a tarde do sábado de Entroido, haberá animación e teatro para todos os públicos na Praza do Concello, a cargo da compañía Ni fu, ni fa, ademais de diversas actividades para os máis cativos.
PREMIOS O SÁBADO EN SAN CLODIO
En Ribas do Sil, o desfile de comparsas e disfraces comezará ás 17,30 horas dende o Pavillón, para percorrer diversos puntos de San Clodio ata rematar diante do Concello. Os mellores disfraces e comparsas optarán a diversos premios, que se repartirán un total de 1.500 euros. Ó remate do concurso de disfraces, celebrarase a tradicional chocolatada con baile para todos os públicos.
SÁBADO DE ENTROIDO EN A POBRA
A Pobra do Brollón celebrará o tradicional Desfile de Comparsas e disfraces o sábado de Entroido. A comitiva sairá ás 17 horas do cruce da estrada de Sáa, acompañada da charanga Unión Monfortina. Repartiranse preto de 3.000 euros en seis categorías. A xornada rematará cun baile na Casa da Cultura amenizado polo dúo Sabor Latino, a partir das 22,30 horas.•
SALCEDO, UNHA CITA ÚNICA EN GALICIA
O Entroido na parroquia de Salcedo comeza o sábado cunha representación teatral no local multiusos ás 22 horas. O cartel que se levará a escea está integrado pola actuación de Garabelo, e as pezas “Coa autoridade non hai bromas”, “A colonoscopia”, “A cama”, “Non casei con todos” e “A borracheira á morte”.
MORRIÓN, TEATRO E PREGÓN
O domingo sairán o Morrión e as Madamas e Danzantes ás catro e media, e ás cinco, terá lugar a lectura do pregón, a cargo de Xosé Manuel Pereiro, decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Ás seis, será o turno dos Disfraces de Campo, e dende as oito terá lugar a actuación de Nunci Valcárcel. O teatro voltará ás dez da noite, e a partir da medianoite haberá unha verbena amenizada por Nunci Valcárcel e a orquestra Jerusalén.
O OSO, O LUNS ÁS 5
Xa o luns 3 de marzo, terá lugar a singular celebración en torno ó personaxe do Oso de Salcedo. Ás cinco os cegos comezarán a interpretar as sonadas coplas de Entroido, para dar paso, ás cinco e media, á saída do Oso cos seus Criados, e a espectacular persecución polos rueiros de Salcedo en busca de valentes que se deixen tiznar a cara. Xa pola noite, haberá unha cea popular no local multiusos da asociación veciñal, ás 21,30 horas, e á medianoite comezará a verbena amenizada polo grupo Ciclón e a orquestra Sintonía.
DESPEDIDA DO ENTROIDO CO MORRIÓN, MAXIA E MÚSICA
O martes sairán o Morrión e as Madamas e Danzantes, co grupo de gaitas Aires da Poxa, ás cinco. O mago Tonino actuará ás seis da tarde, e o Entroido rematará coa actuación, ás oito, do dúo Sabor Latino.•
¿E logo? Bóveda xa non é da Terra de Lemos? Porque é o unico concello de Lemos do que non se fala eiquí…
E logo tamén falta Quiroga.
Hola, como verá en el link que le adjunto, se había dedicado una noticia específica sobre el entroido en Bóveda y Quiroga: https://encomun.es/?p=9734 https://encomun.es/?p=9417
Saludos