Pola súa extraordinaria traxectoria deportiva
O deporte monfortino conta cun prometedor representante no xove golfista Manuel Hernández, integrante da selección nacional sub 18 de golf. Para recoñecer a extraordinaria traxectoria deste golfista de tan só 16 anos, o Concello de Monforte, a través do seu alcalde, Severino Rodríguez, entregou unha placa a Hernández nunha recepción celebrada na Casa Consistorial o pasado 19 de febreiro, e que contou coa presencia da familia do xove deportista homenaxeado, e de membros do club de golf Río Cabe, ó que pertence Manuel Hernández.
CURRÍCULO EXCEPCIONAL
Manuel Hernández iniciou a súa extraordinaria traxectoria deportiva, con preto dun centenar de mencións destacadas, no ano 2006, ó quedar campión individual na Liga Galega, posto que repetiu consecutivamente ata o ano 2011. Conta no seu haber con máis de trinta títulos autonómicos e proviciais, ademais de numerosas posicións de podio destacadas noutras tantas probas destes niveis. Ademais, o golfista monfortino foi convocado pola selección galega de golf en 19 ocasións, o que dá mostra do seu talento deportivo nesta especialidade.
PROXECCIÓN NACIONAL E INTERNACIONAL
A proxección nacional de Manuel Hernández tamén comezou moi cedo, cando en 2007 foi campión de España na categoría benxamín, e ó ano seguinte foi terceiro no campionato de España alevín de Pitch&Putt. En 2009 acadou o sétimo posto no ranking nacional na categoría alevín, e ó ano seguinte foi dúas veces subcampión infantil en competicións zonais puntuables. A partir do 2011, os logros deportivos de Manuel Hernández multiplícanse, e figura por vez primeira na convocatoria da selección española sub 14, participando no campionato internacional Reid Trophy de Londres, aínda que xa viña competindo en probas internacionais dende 2008. En 2012 foi seleccionado para integrar o equipo nacional España A, que repetiu en 2013, onde ademais foi membro dos grupos de traballo da Real Federación Española de Golf. Culminou ese ano coa convocatoria para a selección española sub 18, e alzándose co campionato internacional Pairs World Final, celebrado en Escocia, representando a España.•