FRUGA denuncia que a Xunta denegou o 75% das solicitudes de axuda de razas autóctonas en réxime extensivo

A Federación Rural Galega (FRUGA) lembrou que no 2008, co Goberno bipartito na Xunta, Medio Rural aprobou unha liña de axudas para o fomento de produción de razas autóctonas en réxime extensivo, según as recomendacións da Unión Europea, “por unha aposta pola produción de alimentos sans e de calidade”, según destacaron dende FRUGA. Así, durante cinco anos tanto a Consellería como os gandeiros asumían unha serie de compromisos; por unha banda, os gandeiros comprometíanse a cumprir medidas relativas á hixiene e sanidade animal, co correcto mantemento da superficie agraria e a orientación da recría nas granxas, mentres que, por outra banda, Medio Rural comprometíase ó pago de ata 156 euros anuais por animal reprodutor. Según FRUGA, dende que o Partido Popular chegou ó Goberno da Xunta, e dado que non podía suprimir estas axudas, comezou un “constante recorte” dos importes que reciben os labregos, e que en 2011 chegou ata o 45% sobre a cantidade inicial. Na campaña de 2012, que aínda agora se ven de resolver, o orzamento da Xunta para este concepto reduciuse a case unha cuarta parte do importe inicial fixado en 2008, o que supón para FRUGA que o 75% das solicitudes de renovación van quedar fóra das axudas, “unha vez que as explotacións afectadas sí que cumpriron coas súas obrigas”. Dende FRUGA ven “con preocupación este novo atentado contra as gandeirías galegas en xeral e coas granxas extensivas en particular”. Os responsables de FRUGA entenden que estas axudas “orientan a produción de carne cara dúas potencialidades que envexan outras zonas produtoras, e que son as nosas razas e os nosos pastos”, e lembran ademais que “moitas explotacións con razas autóctonas en perigo de extinción estaban acollidas a este programa, sen o cal o mantemento e a viabilidade destas granxas dificúltase enormemente”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

EL PUERTO SECO DE MONFORTE, AL FIN UNA REALIDAD

Seguinte Nova

Concienciación para a reciclaxe e para unha convivencia máis sostible en Monforte

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: