•Baixo o lema «Mollámonos polo río», a concentración foi convocada o pasado sábado pola Plataforma Sarriana polo Río
•Membros da Plataforma Sarriana polo Río encadeáronse ás árbores da ribeira para frear a súa tala

O domingo 23 de febreiro, o Malecón convertiuse no epicentro da mobilización veciñal de Sarria en defensa do seu patrimonio fluvial. Centenares de persoas participaron na concentración convocada á unha da tarde pola Plataforma Sarriana polo Río, que baixo o lema «Mollámonos polo río» esixiá a paralización dos traballos que a Confederación Hidrográfica e o Concello de Sarria puxeron en marcha ese mes para desenvolver o plan de encauzamento do río no seu tramo urbano. Esta plataforma cidadá amosou o seu posicionamento contrario a este plan a través dun manifesto, xa que o novo deseño do tramo fluvial ó seu paso pola vila de Sarria «vai destruir a canle natural do río», ademais de «eliminar case por completo o noso patrimonio histórico-artístico, etnográfico, cultural, ambiental e paisaxístico do corazón da zona baixa de Sarria».

A PLATAFORMA SARRIANA POLO RÍO DENUNCIA QUE O ENCAUZAMENTO ELIMINARÁ A CULTURA FLUVIAL DE SARRIA
No manifesto lido pola presentadora sarriana Sonia López na concentración do pasado domingo, advertíase de que o plan de encauzamento do río suporá o derrube da ponte centenaria do Toleiro, a da rúa Calvo Sotelo ou antiga ponte de ferro, do século XIX. Asimesmo, desaparecerían diversos elementos da cultura fluvial de Sarria, como o petril medieval da ponte Ribeira e o antigo muíño coa súa presa, rairo e insua, e a parte de illa do rairo de saída tamén se verá modificada.

MEMBROS DA PLATAFORMA ENCADEÁRONSE ÁS ÁRBORES PARA IMPEDIR A SÚA TALA
Dende a Plataforma Sarriana polo Río tamén denuncian que o plan de encauzamento fará desaparecer o pequeno bosque de ribeira, con especies autóctonas e con amieiros ben conservados, ó contrario do que sucede en moitos puntos de Galicia, según explicaron os responsables da Plataforma. «Un bosque é un organismo vivo que tarda décadas ou centos de anos en formarse”, lembran dende a Plataforma, ó tempo que lamentan que vaia eliminarse tamén a varanda deseñada polo artista sarrián José Díaz Fuentes. A esta “desfeita” hai que unir, según denuncian dende a Plataforma, a “insensatez” do recente investimento de 700.000 euros de cartos públicos “en proxectos non rematados”, en referencia á adquisición e rehabilitación do muíño do Toleiro para centro UNESCO, ou os arranxos feitos no propio paseo fluvial “que agora serán levantados novamente”. Según isto, a Plataforma entende que o plan de encauzamento que se está a iniciar “é totalmente improvisado específicamente para xustificar un gasto e poder cargalo a subvencións recibidas dende a Unión Europea”. A Plataforma Sarriana polo Río esixiu que “as nosas autoridades sexan coherentes e responsables, e propoñan un auténtico proxecto integral”. Este proxecto debería ser, según este colectivo veciñal, “participativo, respectuoso co patrimonio cultural e natural, e que sirva para o obxectivo de minorar o risco das riadas, non para obxectivos espúreos”. A plataforma veciñal considera que este proxecto da Confederación Hidrográfica “é un despilfarro en ornamento e urbanización na zona do Malecón”, espazo que concentra a totalidade dos traballos deste plan, ademais da ponte da rúa Castelao, “e que dende que se fixo este Paseo nunca se inundou”. A Plataforma denuncia que non se actúe augas arriba, nas zonas da Ribela e do Chanto, nin augas abaixo, en Campo do Río, Ameneirizas, Camiño Verde, Ponte Vella e Veiguiña, “que xunto o Celeiro comprenden case 6 quilómetros de ríos”, fronte ós 300 metros que ocupa o río Sarria no seu paso polo Malecón. O colectivo veciñal critica que o proxecto non actúe sobre os regatos da zona escolar, Vigo de Sarria, Estación e Insuas, “regatos que contribúen en gran medida ós asolagamentos, e que poderían funcionar como ferramentas de regulación”. Precisamente porque o proxecto non acomete estes espazos, dende a Plataforma Sarriana polo Río denuncian que “os riscos e problemas que causan as inundacións non se corrixen, senón que quedamos sometidos ó azar de que poidan incluso xerar problemas máis graves no futuro inmediato, como recoñecen os propios redactores do proxecto”.•
