A primeira cita enolóxica do sur lucense terá lugar do 7 ó 9 de marzo

A tradicional cita co viño de Chantada chega este ano á súa trixésimo segunda edición. A Feira do Viño de Chantada celebrarase entre o 7 e o 9 de marzo, con tres días onde a música e o viño serán os grandes protagonistas. Na tarde do venres 7 de marzo iniciaranse os eventos festivos, coa apertura, ás 20 horas, dos stands das adegas participantes. A partir da medianoite, haberá música a cargo do Grupo Yucatán.
MÚSICA TRADICIONAL, VERBENA E ACTUACIÓN DA BANDA DE MÚSICA DE CHANTADA O SÁBADO 8 DE MARZO
As celebracións comezarán ás 11 da mañá con pasarrúas dos gaiteiros da Escola de Música Tradicional de Chantada, acompañados do Grupo de Zanfoñas da Tradescola de Lugo. Os actos matutinos rematarán na cita inesquicible coa Banda de Música de Chantada, a partir das 13 horas. A música volta á tarde, coa actuación, dende as 17 horas, dos Estoupacaldeiros de Rábade, a charanga Garrafón.com e o Grupo de Zanfoñas da Tradescola de Lugo. Pola tardiña, e dende as 21 horas, haberá verbena a cargo de Royal Orquestra e Orquestra Saudade 73.
CATA OFICIAL E PREGÓN DA FEIRA DURANTE O DOMINGO 9 DE MARZO
A xornada dominical abrirase ás 10 horas cos pasarrúas dos gaiteiros Os Barrios, para continuar, ás 11 horas, coa música da charanga NBA. A esa mesma hora dará comezo a Cata Oficial da XXXII Feira do Viño de Chantada. Xa ás doce e media, actuará a Banda de Gaitas do Concello de Chantada, que servirá de entrada para a lectura do pregón da Feira do Viño, a cargo este ano de Xulio López Valcárcel. A tarde estará amenizada polas actuacións da charanga NBA dende as 16 horas. A música porá o peche á XXXII Feira do Viño de Chantada co sesión amenizada polas orquestras Trébol e Compostela.
FEIRA DE OPORTUNIDADES E MOSTRA DE PRODUTOS DA COMARCA
Na mesma fin de semana da Feira do Viño, e como xa é tradición, celebrarase durante o sábado e o domingo a VI Feira de Oportunidades e V Mostra de Produtos da Comarca de Chantada, organizadas pola Asociación de Empresarios de Chantada e CCA Ribeira Sacra.
O SÁBADO DÍA 8, POXA DO GANDO FRISÓN EN CHANTADA
O gran atractivo que supón a Feira do Viño para os visitantes convirte á capital da comarca chantadina no núcleo das actividades comerciais máis importantes, como a Poxa de Gando Frisón, que se celebrará o sábado día 8 ás 12.•