O sur de Lugo realizou diversos actos o 8 de Marzo
Diversos actos serviron para celebrar no sur de Lugo o Día da Muller o pasado 8 de marzo. En Monforte, a Concellería de Igualdade deseñou unha ampla programación de eventos que se están a desenvolver ó longo deste mes. Charlas, teatro, audiovisuais e a lectura dun manifesto cunha instalación urbana na Praza de España compoñen esta programación.
AUDIOVISUAIS, TEATRO INFANTIL E GANCHILLO URBANO
O día 7 proxectouse na Casa da Cultura o audiovisual «Lazos de Mulleres», realizado por Carlos Álvarez López, actividade organizada polo Concello de Monforte en colaboración coas asociacións Acadar, Afamon, Agora, Albores, Auxilia e Prodeme. O audiovisual transmitiu as testemuñas de sete mulleres, que contaron as dificultades diarias debido á súa condición de persoas con discapacidade, as trabas e prexuicios que atopan na nosa sociedade, e o seu espíritu de superación. O obxectivo é visibilizar estas diferencias e acadar a igualdade para todas as mulleres con ou sen discapacidade. A xornada rematou cunha mesa-coloquio sobre «Muller e discapacidade: desmontando estereotipos», no que diversos profesionais vinculados ás asociacións locais promotoras do evento e ó eido da dependencia ofreceron a súa visión deste tema dende un posicionamento técnico. O día 8 de Marzo celebrouse o acto central da programación, coa lectura dun manifesto a cargo de Mónica Álvarez San Primitivo, presidenta de Acadar, na Praza de España. Este espazo estaba cuberto polo Ganchillo Urbano, de xeito que a escalinata quedou decorada con fíos de cores simbolizando os obstáculos que a diario atopan as mulleres con discapacidade á hora de exercer os seus dereitos. Na semana siguiente continuaron as actividades en conmemoración do Día da Muller, cun obradoiro de monicreques na Escola Infantil Municipal, para amosar dun xeito lúdico e didáctico ós máis cativos a importancia da igualdade de xénero. Con esta actividade, a Concellería de Igualdade amplía o seu traballo no eido educativo ás idades máis temperás, coa finalidade de sensibilizar dende a primeira infancia sobre a importancia de educar en igualdade, e a formación en valores e actitudes de respecto, recoñecemento mutuo, autonomía e corresponsabilidade. A divulgación en materia de igualdade ocupou a charla sobre «Saúde das mulleres con discapacidade», do día 11, e o obradoiro «Mulleres de Lemos: Inés de Castro, unha muller para o 8 de marzo» desenvolveuse nas Bibliotecas Municipais da comarca de Lemos e nos centros de Educación Primaria de Monforte. Asimesmo, o alumnado de 3º de ESO dos centros de ensino de Monforte participaron nun obradoiro de sensibilización en materia de igualdade.
ACCIÓNS INSTITUCIONAIS
A nivel institucional, vanse celebrar diversos actos en prol da igualdade. Está previsto para o 19 de marzo a constitución da Comisión de Igualdade no Concello de Monforte para impulsar as accións recollidas no II Plan de Igualdade de Oportunidades entre Homes e Mulleres. Entre marzo e abril celebraranse unhas xornadas formativas de Capacitación en Igualdade para persoal técnico e político do concello, e o día 28 terá lugar un Encontro de Profesionais do Ámbito de Intervención na Violencia de Xénero. •