Aposta provincial polos autónomos, «piar fundamental na economía de Galicia»

A través de dous convenios da Deputación de Lugo con asociacións que engloban a estes colectivos

O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, coñeceu de primeira man o día a día dos autónomos, escoitando a experiencia das emprendedoras dunha peluquería lucense. GPDL.
O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, coñeceu de primeira man o día a día dos autónomos, escoitando a experiencia das emprendedoras dunha peluquería lucense. GPDL.

O primeiro trimestre do ano en curso vai incorporar dúas novidades en relación ós autónomos da provincia de Lugo. A finais do mes pasado, a Deputación asinou dous convenios con asociacións deste sector para o impulso de iniciativas conxuntas que beneficien ós autónomos, “piar fundamental da economía desta provincia e deste país”, según suliñou o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro.

60.000 EUROS PARA ACTIVIDADES DE APOIO ÓS AUTÓNOMOS

O mandatario provincial asinou un convenio coa Asociación de Autónomos de Galicia (AUGA), representada polo seu secretario xeral, Lisardo Domínguez, para achegar 60.000 euros destinados ó impulso de iniciativas conxuntas que den apoio ó sector, como accións formativas, conferencias e seminarios, ademais doutras funcións de atención e asesoramento ós traballadores autónomos. Esta asociación representa a preto de 30.000 activos, entre traballadores a título individual e agrupacións.

GALICIA PERDEU CASE 1.000 AUTÓNOMOS O PASADO ANO

O secretario xeral da Asociación de Autónomos de Galicia transmitiu ó titular provincial a situación actual deste sector, así como as súas inquedanzas fronte á crise económica. Pola súa banda, Gómez Besteiro amosou a súa preocupación polos negativos efectos que as políticas de recortes do Goberno central están a ter entre os profesionais autónomos, sector que en Galicia descendeu en case 1.000 traballadores durante o pasado ano. “Carece de toda lóxica que se penalice con recortes e gravames continuos a quen sostén o país”, criticou Gómez Besteiro, en referencia á suba, por parte do Goberno central, dun 2% na base mínima de cotización que afecta ó 80% dos autónomos galegos, e á obrigatoriedade de cotizar por todos os conceptos retributivos abonados ós seus traballadores, estean incluidos ou non na base de cotización. “Estas medidas aplicáronse por imposición, sen mediar diálogo, e coas que o Goberno central e autonómico manteñen ós autónomos nunha permanente situación crítica”. Ademais, Besteiro lembrou o problema da falla de crédito que agobia ó sector dos autónomos, e que, según o Banco de España, supuxo 3.442 millóns de euros menos respecto ó ano pasado. Ademais, a situación en Galicia complicouse para os autónomos co mantemento do IRPF autonómico máximo no 21,5%, un dos máis altos de España, e co feito de que o combustible en Galicia é o segundo máis caro de España, coa aplicación do “céntimo sanitario”. “Non se pode pretender reactivar a economía e recuperar postos de traballo atacando a quen xera riqueza e emprego”, puntualizou o mandatario provincial, quen lembrou que nos últimos cinco anos, Lugo pasou de ter 40.246 autónomos a 36.855, aínda que este sector segue a supoñer o 30% da poboación activa da nosa provincia.

ASESORAMENTO EMPRESARIAL A MULLERES

Por outra banda, a Deputación asinou o mes pasado un convenio coa Asociación de Empresarias de Lugo, polo que o ente provincial achegará 60.000 euros para a creación do primeiro Banco de Tempo Empresarial de Mulleres. Gómez Besteiro apuntou a “necesidade” de apoiar este tipo de iniciativas, e lembrou os datos da EPA que sitúan a taxa de inactividade feminina no 56% na nosa provincia. O Banco de Tempo Empresarial para Mulleres configúrase como unha plataforma online que permitirá a empresarias e emprendedoras establecer contacto coa Asociación e entre elas, de xeito rápido e sinxelo, para crear negocios e postos de traballo, con especial atención ó emprendemento no rural, “onde as mulleres atopan dificultades engadidas”, según suliñou Beatriz Varela, presidenta da Asociación. Varela suliñou que esta plataforma “vai encher un baleiro”, xa que as institucións que antes ofrecían este asesoramento, como o INEM ou a Xunta, xa non o fan “por mor dos recortes”.•

FEAGA estima en 9.000 euros por camión a reclamación do céntimo sanitario

A finais de febreiro, a Federación de Autónomos de Galicia (FEAGA) felicitouse pola decisión do Tribunal Europeo de Xustiza de declarar ilegal o Imposto sobre as Vendas Minoristas de Determinados Hidrocarburos (IVMDH). Según lembra a FEAGA, o Tribunal Europeo considera que o coñecido como «céntimo sanitario» vulnera abertamente a Directiva comunitaria sobre impostos especiais ó carecer dunha finalidade específica e tendo, pola contra, unha finalidade meramente orzamentaria. Dende FEAGA insisten en que a sentenza europea «deixa perfectamente claro que non procede limitar no tempo os efectos da mesma, tal como solicita o Goberno español». FEAGA estima que cada vehículo de transporte de mercadorías podería reclamar ata 9.000 euros pola recadación do IVMDH dos últimos 5 anos. Este cálculo correspondería, según explican dende FEAGA, a un camión cun consumo anual de 50.000 litros de gasóleo adquirido en estacións de servizo de Galicia. En canto ás reclamacións, recomendan atender ó prazo de prescrición e ós requisitos da Axencia Tributaria. Só poderá reclamarse o pagado entre marzo de 2010 e decembro de 2012, agás no caso de ter presentada a reclamación antes. Este límite xustifícase porque o resto dos exercicios fiscais xa están prescritos. Para reclamar hai que aportar todas as facturas co desglose dos litros repostados e o detalle do imposto devengado. En FEAGA consideran «praticamente imposible» obter o reembolso para a maioría dos autónomos, salvo aqueles que aínda conserven as facturas, xa que o tiquet de pago non é válido ó non rexistrar o desglose do imposto pagado.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Todo listo en Chantada para celebrar a XXXII Feira do Viño

Seguinte Nova

Deputación e concellos manteñen o POS sen financiación do Goberno central

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: