Arrincan as primeiras empresas nacidas co programa Fórmate en Verde

O programa da Deputación deu formación sobre as posibilidades da agrogandeiría ecolóxica

•Logo do periodo de formación gratuíta teórico-práctica, xa están en marcha 9 empresas de gandeiría ecolóxica •Outras 15 empresas de agricultura ecolóxica e forestal abrirán nos vindeiros meses •Os emprendedores valoran o impulso do programa «Fórmate en Verde» para dar forma e botar a andar os novos proxectos

A empresa Caxigueiros C.S., situada na parroquia sarriana de Barbadelo, conta con 40 hectáreas para pastoreo que adicará a gandeiría ecolóxica de vacún en réxime extensivo. EC.
A empresa Caxigueiros C.S., situada na parroquia sarriana de Barbadelo, conta con 40 hectáreas para pastoreo que adicará a gandeiría ecolóxica de vacún en réxime extensivo. EC.

A agricultura ecolóxica é un sector produtivo en alza na nosa Comunidade, e para dar a coñecer as súas posibilidades de negocio e aproveitamento a Deputación de Lugo puxo en marcha o ano pasado o programa Fórmate en Verde. Con esta iniciativa, o ente provincial ofreceu de xeito gratuíto a 1.400 persoas formación teórico-práctica en agricultura e gandeiría ecolóxicas, e no sector forestal, así como asesoramento para a creación das súas propias empresas, ou para reconvertir as xa existentes.

EXPLOTACIÓN DE CARNE VACÚN ECOLOXICA EN EXTENSIVO, NA PARROQUIA SARRIANA DE BARBADELO

Esta iniciativa está a dar os seus froitos, en forma de nove empresas creadas no eido na gandeiría ecolóxica a partir da experiencia do Fórmate en Verde. Borja Álvarez Román aproveitou as terras de pastoreo que estaba a explotar a súa familia para crear Caxigueiros C.S., unha sociedade composta por dous socios e destinada á cría de gando vacún ecolóxico en réxime extensivo. As fincas nas que se está a montar a explotación no lugar de Sabenche, na parroquia sarriana de Barbadelo, ofrecen unha oportunidade excepcional para traballar a gandeiría ecolóxica. «Nós xa viñamos criando ovellas en ecolóxico», explica Borja Álvarez, «por iso o tema ecolóxico xa nos interesaba dende hai tempo». Este gandeiro acumula a sabiduría que dá a práctica no sector ecolóxico, «aínda que no programa aprendes cousas que non sabías, ou aprendes a mellorar as que viñas facendo». Ademais, Álvarez valora os coñecementos máis empresariais que lle aportou o asesoramento recibido no Fórmate en Verde, «con ferramentas e consellos moi interesantes que axudan a levar mellor a empresa e a xestión da explotación».

A produción e venda de mel e pole ecolóxico son a actividade da nova empresa Euromel, en Quiroga. EC.
A produción e venda de mel e pole ecolóxico son a actividade da nova empresa Euromel, en Quiroga. EC.

PRODUCIÓN E VENDA DE MEL E POLE ECOLÓXICOS NA PARROQUIA QUIROGUESA DE HOSPITAL

Este apoio técnico resulta fundamental para arrincar novos negocios, como afirma Laura Macía González, socia de Euromel S.C., empresa situada na parroquia quiroguesa de Hospital e adicada á produción de mel ecolóxica. «Eu son nova, e este programa resultoume moi interesante para poñerme ó día en como botar adiante unha empresa», explica esta xove emprendedora quiroguesa. Ademais da recollida de mel nas 300 colmeas que posúe, esta empresa formada por dúas socias envasa e vende mel e pole ecolóxico, coa intención de tomar o relevo do negocio familiar de explotación das colmeas. «O programa Fórmate en Verde deume coñecementos que non tiña, sobre todo en temas empresariais, aínda que tamén en varios aspectos da produción ecolóxica», suliña Laura Macía.

BORJA ÁLVAREZ: «ESTE PROGRAMA DÁ OUTRO PUNTO DE VISTA SOBRE A GANDEIRÍA COMO NEGOCIO CON POSIBILIDADES»

Tanto Borja como Laura son coñecedores das vantaxes do sector da explotación ecolóxica, e recoñecen a importancia de programas como Fórmate en Verde para «dar a coñecer este mundo, xa que a xente non o coñece e pensa que a gandeiría non ten posibilidades como negocio», precisa Borja Álvarez.

Laura Macía González vén de poñer en marcha Euromel S.C., na parroquia quiroguesa de Hospital, adicada á produción de mel ecolóxica. EC.
Laura Macía González vén de poñer en marcha Euromel S.C., na parroquia quiroguesa de Hospital, adicada á produción de mel ecolóxica. EC.

LAURA MACÍA: «ANIMA Á XENTE NOVA A EMPRENDER E NON VERSE TAN SÓ CANDO EMPEZAS»

Laura Macía suliña o valor destas iniciativas «para animar á xente nova a emprender, todos deberíamos recibir formación neste sentido, axuda moito para non verte tan só cando empezas co teu propio negocio».•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Quiroga celebrou o Día da Muller cunha cea de confraternidade para as mulleres da comarca

Seguinte Nova

Ex xogadores do FC Barcelona participaron en Monforte na festa do 10º aniversario da peña barcelonista Val de Lemos

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: