Bota a andar a primeira fase do Porto Seco de Monforte

As parcelas saíron a concurso cun prezo medio de 60 euros por metro cadrado

O presidente da Xunta de Galicia e o alcalde de Monforte descubren a placa conmemorativa da posta en servizo, o pasado 28 de febreiro, da primeira fase do Porto Seco de Monforte. CMATI
O presidente da Xunta de Galicia e o alcalde de Monforte descubren a placa conmemorativa da posta en servizo, o pasado 28 de febreiro, da primeira fase do Porto Seco de Monforte. CMATI

O pasado 28 de febreiro tivo lugar a posta en servizo da primeira fase do Porto Seco de Monforte, un día longo tempo esperado en toda a comarca de Lemos, e que inicia unha nova etapa nas posibilidades de desenvolvemento económico e empresarial do sur de Lugo.

NÚÑEZ FEIJÓO: «O PORTO SECO QUERE DEVOLVERLLE A MONFORTE O PROTAGONISMO FERROVIARIO EN GALICIA»

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, asistiu ó descubrimento da placa conmemorativa da posta en funcionamento desta infraestrutura, que ambiciona «devolverlle a Monforte o protagonismo ferroviario» que tivo a nivel galego, e a converter esta área no principal espazo de actividades loxísticas intermodal estrada-ferrocarril de Galicia. Neste sentido, Feijóo lembrou que o Porto Seco de Monforte xa acadou a súa inclusión dentro do nó loxístico da rede transeuropea de transportes. Na apertura da primeira fase desta infraestrutura, o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, suliñou que a cidade do Cabe «ten hoxe dúas cousas que non ten ningunha cidade de Galicia, e que son a única plataforma loxística lista para recibir empresas, e moitas posibilidades e alternativas vantaxosas para a instalación de industrias». Na súa intervención, o alcalde de Monforte afirmou que «este proxecto foi posible porque toda a cidadanía creu nel, e porque moitas persoas se implicaron no mesmo». Severino Rodríguez fixo unha mención especial ó anterior alcalde, Nazario Pin, xa que «foi a primeira persoa que creu neste proxecto e ó que hai que recoñecer o seu traballo». Pola súa banda, o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, destacou que «o 28 de febreiro de 2014 marca o inicio dunha senda que rematará coa recuperación da identidade ferroviaria de Monforte». O titular autonómico de Infraestruturas suliñou que co Porto Seco de Monforte «situamos a Galicia no escenario de comunicación intermodal».

O PLAN DE VENDA DE SOLO INDUSTRIAL ABARATOU UN 15% DE MEDIA OS PREZOS DAS PARCELAS DO PORTO SECO

A Xunta de Galicia fixo pública o día 5 deste mes a convocatoria do concurso para a venda das 13 parcelas nas que se dividen os 53.993 metros cadrados de solo industrial que compoñen a primeira fase do Porto Seco de Monforte. Doce destas parcelas están destinadas a usos industriais e terciarios, e a restante a operacións de carga, descarga e almacenaxe de mercadorías. O prezo medio das parcelas é de 60,52 euros por metro cadrado; as dúas parcelas de maior tamaño (a destinada a almacenaxe de mercadorías e máis a parcela de 17.782 m2, que se destina a uso industrial) están á venda por 51 de 52 euros o metro cadrado, respectivamente. As restantes parcelas, que oscilan entre os 524 e os 6.417 m2, ofértanse por 67 euros o metro cadrado. Estes prezos supoñen un abaratamento dunha media do 15% respecto do importe inicialmente previsto, debido á posta en marcha do Plan de Venda de Solo Industrial, iniciativa da Xunta de Galicia que, según explicou Núñez Feijóo en Monforte, «contén 17 medidas para facilitar ós emprendedores o acceso a un total de 2,8 millóns de metros cadrados de superficie empresarial en Galicia en condicións vantaxosas». Así, as bases do concurso da venda das parcelas do Porto Seco permiten pagar o 30% máis o IVE ó escriturar, aprazando o 70% restante ata un máximo de 5 anos con aval bancario e cun xuro equivalente ó interese legal no momento de firmar a compravenda, ou ata 6 meses con aval bancario.Os criterios establecidos para a adxudicación das parcelas do Porto Seco dan prioridade ás empresas de actividade loxística, e tamén á ampliación de empresas xa existentes ou a creación doutras novas. Tamén se valorará o carácter de economía social da empresa creada ou dirixida por mozos menores de 35 anos ou por mulleres. O prazo para presentar as solicitudes de compra das parcelas remata o 5 de maio de 2014.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, lembrou en Monforte que o Plan Impulsa Lugo recolle o Porto Seco como unha das súas medidas prioritarias, e como un medio para incrementar as exportacións galegas. CMATI
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, lembrou en Monforte que o Plan Impulsa Lugo recolle o Porto Seco como unha das súas medidas prioritarias, e como un medio para incrementar as exportacións galegas. CMATI

A XUNTA DESTINARÁ MÁIS DE 13 MILLÓNS DE EUROS NO TOTAL DO PORTO SECO

A primeira fase do Porto Seco de Monforte abrangue 145.745 m2, o que supón o 47,46% dos 307.053 m2 do total da infraestrutura. Nesta primeira fase, o solo empresarial ocupa 53.993 m2, e a superficie restante adícase a vías e aparcadoiros (45.725 m2), zona verde (23.775 m2), e equipamento (19.380 m2), destinando 2.872 m2 á plataforma intermodal. O investimento total previsto polo Instituto Galego da Vivenda e Solo no Porto Seco de Monforte supera os 13 millóns de euros, dos que preto de 6 millóns corresponden á súa primeira fase.

MONFORTE, CLAVE NO TRANSPORTE MULTIMODAL DO SUROESTE EUROPEO

Esta aposta da Xunta de Galicia pola infraestrutura de Monforte xustifícase, según explicou o mandatario autonómico, en que o Porto Seco “é unha peza clave no aproveitamento das oportunidades de Galicia como plataforma loxística do multimodal do suroeste europeo”. Núñez Feijóo destacou a situación estratéxica de Monforte “a dúas horas dos principais portos de interese galego, e a menos dunha hora e tres cuartos dos aeroportos da comunidade”, o que convirte ó Porto Seco monfortino “nunha infraestrutura decisiva e fundamental para o futuro desenvolvemento empresarial e loxístico de Galicia”.

POSIBLE CELEBRACIÓN EN MONFORTE DUN FORO LOXÍSTICO MULTIMODAL

Para activar a proxección internacional desta infraestrutura, a Xunta de Galicia está a impulsar diferentes actuacións das que o mandatario galego ofreceu un adianto na súa visita a Monforte. Por unha banda, Núñez Feijóo anunciou o traballo conxunto que se está a desenvolver entre Xestur, Igape e ADIF para a promoción e divulgación do Porto Seco dentro da estratexia de internacionalización da Xunta, con especial reforzo na captación de investimento directo estranxeiro. Por outro lado, a Xunta está a realizar unha campaña de promoción nos canais de distribución das diversas fórmulas de transporte multimodal, e tratando de producir sinerxias para a mobilidade de todo tipo de mercadorías, en colaboración coas Autoridades Portuarias e a Zona Franca de Vigo. Asimesmo, dende o departamento autonómico están a valorar a posible celebración en Monforte dun Foro loxístico do transporte multimodal, en liña coa axudas as empresas e asociacións para a súa asistencia e participación e foros internacionais de loxística.•

A Deputación anima a Feijóo “a seguir copiando as políticas de Besteiro” no abaratamento das parcelas dos polígonos

Ó día seguinte á posta en servizo da primeira fase do Porto Seco, a deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, lembrou que a Deputación de Lugo “leva tres anos pedíndolle a Feijóo que aplique medidas que poñan fin a esa imaxe de polígonos baleiros da Xunta, e polo que se ve en Monforte, parece que atende ás nosas peticións”. García Porto lembrou que dende 2011 o organismo provincial vén reclamando ó Goberno galego unha rebaixa nos custes do seu solo, xa que mantén prezos de ata 110 euros por metro cadrado, como no polígono das Gándaras, en Lugo, “impedindo o asentamento empresarial e a xeración de emprego”. A deputada criticou que a Xunta acumule nos seus polígonos 2,8 millóns de metros cadrados baleiros, e unha débeda de 261 millóns en Xestur. García Porto apuntou que a Deputación abaratou os prezos do seu solo ata acadar unha media de 35 euros por metro cadrado, e puxo en marcha unha medida pioneira que permite que os emprendedores poidan financiar no mesmo paquete a compra da parcela e a construción das instalacións. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O renovado miradoiro de Santiorxo, en Sober, poderase ver no próximo spot promocional de Turgalicia

Seguinte Nova

A Coral Renfe actuou en Escairón

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

Ir aInicio

Don't Miss