O portavoz de Educación do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, o monfortino Vicente Docasar, lamentou a decisión “inexplicable” do Goberno galego de rexeitar implantar unha sección de inglés da Escola Oficial de Idiomas no IES Lama das Quendas, de Chantada. Docasar presentou unha pregunta oral na Comisión de Educación do Parlamento para trasladarlle ao Goberno esta solicitude, e tras recibir a resposta do Executivo autonómico, o socialista pediu “que recapaciten, xa que terán moitas dificultades para explicar que destinan un millón de euros para que unha empresa privada organice cursos de inglés dunha semana nos Peares pero néganse a habilitar “media praza” de profesor en Chantada”, que “non sería custosa economicamente pero si moi rendible socialmente”. Docasar lembrou que con esta negativa o Goberno galego “vai en contra de 6 concellos de Chantada e Ulloa, 5 deles afíns ao PP e que teñen pedido este curso por unanimidade, así como da Inspección educativa, que ten emitido informe favorable, do Claustro de profesores e o Consello Escolar do IES Lama das Quendas”.
Por outra banda, e en relación á execución da residencia de maiores de Carballedo, Vicente Docasar denunciou o “despropósito do PP ó poñer como escusa para non executar a residencia que só existe unha solicitude de acceso”, e ó argumentar que “a provincia de Lugo é a que presenta unha maior porcentaxe de servicios residenciais para persoas maiores”. Docasar criticou que, días despois, o alcalde de Carballedo e a secretaria xeral de Igualdade anunciasen que “dúas empresas privadas están interesadas en construír a residencia dentro dun novo plan”.•