•A estudante de 2º de Bacharelato do IES A Pinguela acadou este galardón ex aequo con Cristina Escarpa de la Torre, alumna do IES Liceo Caracense de Guadalajara

O 17 de marzo tivo lugar nas dependencias do Ministerio de Defensa, en Madrid, a entrega dos premios do concurso escolar “Carta a un militar español”, no que participaron un total de 218 institutos de ensino secundario de toda España. As gañadoras foron a estudante do IES A Pinguela de Monforte, Sara Moure López, alumna de 2º de Bacharelato, que compartiu este galardón ex aequo con Cristina Escarpa de la Torre, alumna do IES Liceo Caracense de Guadalajara. Ambas estudantes recibiron como premio material informático, e os centros ós que pertencen foron agasallados cun ordenador e un proxector. As finalistas deste concurso escolar foron Cynthia Clemente, do IES Francisco de Quevedo de Villanueva de los Infantes (Ciudad Real), e Mariana de la Rosa Azaña, do colexio Santa María del Pilar de Zaragoza, que recibiron como agasallo un libro electrónico.

O acto foi presidido polo ministro de Defensa, Pedro Morenés, que fixo entrega dos premios ás estudantes galardoadas, e contou coa presencia do secretario e a subsecretaria de Estado para a Defensa, o secretario xeral de Política de Defensa, e o director xeral de Reclutamiento y Enseñanza Militar, entre outras autoridades. As alumnas premiadas estiveron arroupadas tamén polos seus familiares e polos responsables dos seus centros educativos. O concurso consistiu en escribir unha carta a un militar anónimo, cunha extensión non superior a un folio, baixo o tema “O militar español no cumplimento das misións constitucionais das Forzas Armadas”.•