A Deputación de Lugo, a primeira en España en implantar cláusulas sociais nos contratos

O organismo provincial blindará por escrito os dereitos dos traballadores das empresas que presten servizos a esta institución

O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, durante a rolda de prensa na que anunciou esta iniciativa. GPDL.
O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, durante a rolda de prensa na que anunciou esta iniciativa. GPDL.

A Deputación de Lugo vén de anunciar esta semana a aplicación dun modelo de contratación socialmente responsables ás empresas que presten servizos a esta institución. Así o anunciou o mandatario provincial, José Ramón Gómez Besteiro, nunha rolda de prensa na que destacou que a Deputación de Lugo é a primeira de España en impoñer nos seus contratos de servizos cláusulas que defenden os dereitos dos traballadores, o que a sitúa como pioneira entre as administracións públicas de Galicia en aplicar estas cláusulas sociais.

«A DEPUTACIÓN DE LUGO PRIORIZA OS PROBLEMAS DAS PERSOAS E LOITA POR UN SISTEMA XUSTO E IGUALITARIO»

“A contratación pública é unha política pública máis, unha ferramenta para acadar os obxectivos que nos temos marcados como institución progresista que prioriza os problemas das persoas e loita por un sistema económico xusto e igualitario”, puntualizou Gómez Besteiro, quen suliñou que «a política non debe estar nas mesas de contratación, senón no deseño e control das políticas de contratación».

BLINDAR O NÚMERO DE EMPREGADOS E AS SÚAS CONDICIÓNS LABORAIS DURANTE A DURACIÓN DO CONTRATO

O mandatario provincial destacou o marco temporal no que se vai a aplicar este modelo de contratación socialmente responsable, en referencia á situación xeral de crise económica e precariedade laboral. “Cremos nun emprego de calidade apoiando ás empresas que o crean e porque así blindamos ós traballadores das firmas que prestan un servizo a esta institución», destacou Gómez Besteiro. Este modelo de contratación supón que o organismo provincial vai esixir por escrito como condicionante que a empresa garanta durante toda a relación contractual tanto o número de empregados, como as súas condicións laborais, tipo de contrato e soldo. Gómez Besteiro suliñou que con esta medida «impedimos que algunha empresa aproveite e se escuse en leis tan nefastas como a reforma laboral do Goberno central para vulnerar os dereitos dos traballadores en favor de despedimentos en precario”.

XA SE ESTÁN A APLICAR AS CLÁUSULAS SOCIAIS NOS PREGOS DE CONTRATACIÓN DO ORGANISMO PROVINCIAL

Estas cláusulas sociais están a ser introducidas pola Deputación de Lugo nos pregos de contratación de servizos, como xa sucede nos cinco pregos que están a ser tramitados para a contratación do servizo de vixilancia, limpeza, Centro de Atención ó Usuario (CAU), o proxecto europeo do Goberno Intelixente e a aula itinerante de formación. «Con estes pregos en concreto, a Deputación de Lugo xa está a blindar 83 postos de traballo», precisou o titular provincial.

VALORARASE O NÚMERO DE CONTRATOS INDEFINIDOS, AS PROPOSTAS QUE IMPLIQUEN MELLORAS LABORAIS OU SALARIAIS, E A CONTRATACIÓN DE TRABALLADORES CON DISCAPACIDADE

Según explicou Gómez Besteiro na súa intervención, as cláusulas sociais que a partir de agora se están a introducir nos pregos de contratación da Deputación de Lugo incorporan como criterio de valoración o número de traballadores con contrato indefinido das empresas que presenten oferta. Asimesmo, teranse en conta as propostas que impliquen unha mellora nas condicións laborais e salariais con respecto ó Estatuto dos Traballadores e ó convenio estatal vixente ou o que resulte de aplicación. Valorarase tamén a inserción de traballadores con discapacidade.

APLICACIÓN DA DIRECTIVA EUROPEA PARA IMPEDIR OFERTAS Á BAIXA A COSTA DOS GASTOS LABORAIS

Por outra banda, e tal e como obriga a lexislación estatal e autonómica, a oferta económica puntúa moi significativamente, pero novidade é que a Deputación non permitirá «baixadas desproporcionadas ou anormais» no prezo a costa de reducir en gastos laborais. Según precisou o mandatario provincial, con esta medida a Deputación de Lugo atende a Directiva 2014/24 da Unión Europea sobre Contratación Pública aprobada o pasado mes de xaneiro, que aínda non ten aplicación en España. En canto á execución do contrato, o modelo de contratación socialmente responsables obriga ás empresas a cumprir coas condicións laborais que ofertaron, en canto ó mantemento da plantilla, contratos indefinidos e soldos, entre outros aspectos, así como a manter as condicións económicas e sociais previstas no convenio estatal ou sectorial. Estas dúas condicións súmanse ós criterios que se viñan aplicando no caso dos servizos de vixilancia e de seguridade, nos que as empresas deben subrogar a tódolos empregados e respectar os dereitos laborais que tiveran recoñecidos na súa anterior empresa, incluída a antigüidade. O novo modelo de contratación socialmente responsable inclúe penalizacións por vulnerar estas cláusulas, e que poden supoñer incluso a resolución do contrato. As penalizacións poden variar entre un 3 e un 10% do orzamento do contrato, ou ser causa de prohibición para contratar coa administración A Deputación realizará «un seguimento rigoroso» do cumprimento destas condicións, esixindo ás empresas adxudicatarias que, xunto a cada factura, acrediten con documentación a relación de traballadores e o que cotizan por eles.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

A Deputación denuncia que a nova tarifa de Sogama fará pagar 19.500 euros máis de media anual ós concellos pequenos

Seguinte Nova

Monforte, capital do taekwondo lucense

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

Ir aInicio

Don't Miss