A Deputación denuncia que a nova tarifa de Sogama fará pagar 19.500 euros máis de media anual ós concellos pequenos

A deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, durante a súa intervención sobre as repercusións da suba do canon de Sogama nos concellos lucenses. GPDL.
A deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, durante a súa intervención sobre as repercusións da suba do canon de Sogama nos concellos lucenses. GPDL.

A anunciada suba do canon de Sogama ós concellos segue a xerar polémica política. Nestes días, dende a Deputación de Lugo seguían a manifestar o seu rexeitamento a esta medida, polas consecuencias que vai derivar para os concellos lucenses. A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, cualificou de “castigo para todos os lucenses” a suba do 34% no canon de Sogama. García Porto aportou cifras concretas partindo do caso dos vinte concellos lucenses que teñen delegado o cobro das súas taxas de recollida do lixo a través do Servizo de Recadación provincial. Según os datos aportados pola Deputación de Lugo, a suba do canon de Sogama suporá que os veciños teñan que facer fronte ó pago de case 1,6 millóns de euros ó ano, o que significará un aumento no gasto medio por concello de 19.500 euros anuais. García Porto destacou que “estes son datos reais, non son estimacións nin cálculos aproximados”.

DATOS RECOLLIDOS NO SERVIZO DE RECADACIÓN PROVINCIAL

Os vinte concellos que teñen delegado o cobro desta taxa a través do Servizo de Recadación provincial son A Pobra do Brollón, Antas de Ulla, Baralla, Carballedo, Castroverde, Folgoso do Courel, Monterroso, Muras, Navia de Suarna, O Páramo, O Saviñao, O Valadouro, O Vicedo, Palas de Rei, Paradela, Pol, Samos, Sarria, Sober e Trabada. Según precisou a Deputación de Economía, Recadación e Facenda, estes concellos pagaron un total de 1.177.642 euros en período voluntario no 2013. Se a esta cantidade se lle suma o incremento do 34%, o total resultante son 1.578.040 euros, o que supón 400.398 euros máis ó ano.

“OS PREXUDICADOS FINAIS CON ESTA SUBA SERÁN OS VECIÑOS”

A Deputada destacou a repercusión deste aumento anual nestes vinte concellos, todos eles de menos de 20.000 habitantes. “En moitas ocasións esta suba non poderá ser asumida polas arcas municipais, polo que sexa cal sexa a decisión que adopten os Alcaldes, os prexudicados finais serán os veciños”, precisou García Porto, que engadiu que “aumentar o gasto ós concellos é reducir os servizos ós veciños”. García Porto mencionou exemplos como O Valadouro, que pasará de pagar 66.000 euros a 88.000 euros; O Saviñao, que terá que incrementar o desembolso por este concepto dos 53.000 euros do pasado ano ós 71.000 euros, ou Antas de Ulla, que terá pagar 75.300 euros no canto dos 58.000 que está a pagar na actualidade.

“SOGAMA TEN BENEFICIOS”

García Porto lembrou que o pasado ano Sogama obtivo uns beneficios anuais de 6,6 millóns de euros netos, procedentes de dous ingresos principais, que foron a venda da electricidade xerada coa incineración de lixo e a taxa que pagan os concellos. “Como unha destas fontes de ingresos se reduce, pretenden que os veciños paguen máis para manter o mesmo nivel de ingresos”. A Deputada destacou o feito de que a Xunta “decida castigar ós cidadáns para recapitalizar unha empresa pública que, por outra banda, debería ter coma obxectivo prestar un bo servizo público, non ter beneficios”. García Porto lembrou que o propio Goberno da Xunta recoñeceu que, unha vez resolta definitivamente a reforma do sector eléctrico a taxa podería ser incluso maior. “Feijóo debería dicir dunha vez canto quere que gañe este empresa pública”, suliñou a deputada provincial.

CUESTIONAN O SISTEMA DE XESTIÓN DO LIXO POR PARTE DE SOGAMA

Pilar García Porto destacou que o feito de que Sogama vira reducidos os seus ingresos pola retirada das primas ás renovables e a suba do gas nun 4,4% e un 6,3%, respectivamente, foi o motivo de que “de xeito unilateral, esquecendo os contratos privados que cada Concello tiña asinados con Sogama”, a Xunta incluíra na disposición adicional segunda dos Orzamentos dito incremento do 34%, o que obrigará ós Concellos a pasar de abonar 61,5 a 82,1 euros por tonelada de lixo retirada, “para transportalo a unha planta que, desgraciadamente, só recicla o 8% do que recibe fronte á media do 24% que se está a reciclar na Unión Europea”, o que fai de Sogama “un modelo cunha data de caducidade moi próxima”.•

Os alcaldes contrarios á suba de Sogama propoñen “o diálogo como solución”

O 25 de marzo, os concellos contrarios á suba do canon de Sogama publicaron unha declaración oficial na que propoñen “o diálogo” como solución a este conflicto. No seu escrito, os alcaldes reclaman que a Xunta de Galicia “abra unha mesa de negociación cos concellos prexudicados por este aumento desproporcionado”, xa que “a cooperación e a lealdade institucional son a chave que abre a porta á solución dun problema que non crearon os concellos e cuxos custos non poden recaer nos cidadáns”. Na declaración oficial, estes concellos, entre os que se encontran Monforte de Lemos e A Pobra do Brollón, sinalan como causa deste problema “unha mala decisión do executivo de Rajoy, que se agravou por unha mala solución da Xunta”. Os alcaldes lembran que a suba que se tenta aplicar “é unha consecuencia directa da reforma eléctrica e a retirada das bonificacións económicas ás enerxías renovables decidida polo Goberno central”, e que foi a causante do déficit de 14 millóns de euros nas contas de Sogama. Os ingresos desta empresa pública proceden nun 50% da venda da electricidade xerada coa incineración do lixo na planta de Cerceda, e o outro 50% procede da taxa que cobra ós concellos pola recollida do lixo. Inicialmente, a Xunta aprobou unha suba dun 25% nesta taxa, para logo impoñer un 34% “por decisión unilateral”. Os alcaldes contrarios a esta medida consideran que esta solución “non é solución xa que é inxusta, desproporcionada e imposta por unha parte”, xa que “ten como prioridade só salvar o balance de contas da propia Xunta e blindar a marxe de beneficio da empresa privada que coxestiona Sogama”. “Penalizar aos veciños coa suba non é a nosa solución”, suliñan os alcaldes contrarios a esta decisión da Xunta.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Ex xogadores do FC Barcelona participaron en Monforte na festa do 10º aniversario da peña barcelonista Val de Lemos

Seguinte Nova

A Deputación de Lugo, a primeira en España en implantar cláusulas sociais nos contratos

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: