A Deputación reclamará a devolución dos máis de 90.000 euros recadados co “céntimo sanitario”

•Gómez Besteiro reuniuse cos presidentes das patronais luguesas de transporte de mercancías e viaxeiros para manifestarlles o apoio do organismo provincial

Reunión do 27 de marzo entre o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro; a presidenta da patronal luguesa de transporte de mercancías, Carmen Castelao; e o presidente da patronal luguesa de transporte de viaxeiros, Luis Abeledo. GPDL.
Reunión do 27 de marzo entre o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro; a presidenta da patronal luguesa de transporte de mercancías, Carmen Castelao; e o presidente da patronal luguesa de transporte de viaxeiros, Luis Abeledo. GPDL.

A devolución dos importes recadados no imposto coñecido como “céntimo sanitario” está a ser reivindicada dende diversos sectores. Recentemente, a Deputación de Lugo vén de sumarse a estas voces críticas que piden o reintegro destes cartos “recadados ilegalmente”, según explicou o presidente do organismo provincial, José Ramón Gómez Besteiro, logo dunha reunión mantida en Lugo cos presidentes das patronais luguesas de transporte de mercancías e de viaxeiros, na que lles expresou o seu apoio ás súas peticións.

RECLAMACIÓN INSTITUCIONAL

O mandatario provincial explicou que antes de abril a Deputación de Lugo reclamará a devolución dos máis de 90.000 euros de cartos públicos que abonou polo céntimo sanitario dende xaneiro de 2010 a decembro de 2012, único periodo susceptible de reclamación polo momento, xa que as anteriores anualidades considéranse prescritas. Nun segundo momento, a institución provincial buscará o reembolso das anualidades anteriores, dado que en Galicia este imposto comezou a cobrarse en 2004. Gómez Besteiro adiantou que a Deputación tamén informará ós concellos das medidas que está a aplicar para que as entidades locais tamén poidan reclamar. Cómpre lembrar que os transportistas de mercancías e de viaxeiros solicitaron antes de abril o reintegro do céntimo sanitario do periodo entre 2010 e 2012, e o vindeiro ano van solicitar a devolución do recadado nas anualidades anteriores. A presidenta da patronal luguesa de transporte de mercancías, Carmen Castelao, calculou que un camión con 150.000 quilómetros ó ano pode recuperar unha media de 6.000 euros anuais. Tamén, o presidente da patronal luguesa de transporte de viaxeiros, Luis Abeledo, sinalou que no caso dos 5.000 vehículos de viaxeiros que hai en Galicia a media é de 3.000 euros.

A DEPUTACIÓN DE LUGO, A PRIMEIRA DE GALICIA EN PEDIR A DEVOLUCIÓN

Ademais, Gómez Besteiro adiantou que o Goberno Provincial aprobará unha moción no Pleno de abril, esixindo ó Executivo central a devolución do recadado ilegalmente con este gravame e á Xunta que cuantifique, xunto cos transportistas, o importe que poden reclamar, e que inicie as xestións necesarias para clarificar as canles para facelo. O Presidente destacou que a Deputación de Lugo será a primeira de Galicia en pedir o reembolso do céntimo sanitario. Aínda que todos os cidadáns teñen dereito a esta devolución, a Axencia Tributaria esixe a presentación das facturas das gasolineiras, non sendo válidos os tiquets de pago nin os xustificantes bancarios dos pagos con tarxeta. Deste xeito, só os profesionais do transporte poden reclamar, e a tramitación resulta abundante e complexa. O presidente da Deputación de Lugo criticou que, diante desta situación, a Xunta desenténdese “asegurando que é o Estado, non a administración autonómica, a que debe responder”. Besteiro lembrou que este imposto, creado en 2002 polo Goberno de Aznar para financiar a sanidade, é un gravame estatal pero a súa recadación se destina ás Comunidades Autónomas, que deciden finalmente a súa aplicación. Dende entón, a Comisión Europea advertiu ó Goberno de España sobre a ilegalidade deste imposto, que no 2012 o integrou no imposto especial de hidrocarburos “unha solución de arquitectura fiscal para facelo legal”, criticou Besteiro. Nese momento, o Goberno de Feijóo decidiu subir este gravame en Galicia ata o máximo permitido, o que fixo que Galicia sexa a segunda comunidade de España co combustible máis caro.

A proposta que Besteiro levará ó Pleno instará á Axencia Tributaria a devolver o céntimo sanitario por ser indebido e ilegal; reclamará á Xunta que cuantifique o importe reembolsable; esixirá a Feijóo que inicie as xestións para garantir o reintegro no menor tempo posible; e pedirá o apoio dos membros da Corporación Provincial para que a institución recupere os cartos públicos que achegou ó cobro deste imposto.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Pantón será o punto de partida da II Festa de Clásicos Ribeira Sacra Patrimonio da Humanidade

Seguinte Nova

A Xunta destina máis de 400.000 euros en axudas a proxectos dinamizadores do rural a través das TIC

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

O prezo do leite

• Agromuralla e UCGAL monitorizarán os prezos do leite desde as granxas ate os puntos de

A %d blogueros les gusta esto: