Polos alumnos de xardinería do obradoiro RICRA
Comezan a visualizarse as melloras que están a introducir na paisaxe urbana de Sober os traballos do obradoiro de emprego RICRA. A rotonda das Gándaras, en Pinol, completou o seu novo aspecto gracias ós alumnos de xardinería deste obradoiro, que colocaron neste espazo unha escultura, homenaxe á figura do viticultor, que fora premiada nun concurso de canteiría vinculado á Feira de Amandi. Asimesmo, o corpo da rotonda foi reformado de xeito integral, incorporando diversos elementos representativos da identidade de Sober, como o río Sil ou a olería de Gundivós.
MARQUESIÑAS, MOBILIARIO URBANO E MELLORAS EN PUNTOS DE INTERÉS TURÍSTICO
Ademais desta actuación, os alumnos do obradoiro de emprego están a realizar diversos traballos ó longo do municipio soberino. Estes inclúen a colocación de novas marquesiñas en Bolmente, Arxemil, O Toxedo, Anllo, A Pena de Proendos ou Vilachá de Doade, entre outras parroquias. Ademais, está prevista a instalación de mobiliario urbano en varios puntos do municipio soberino, así como actuacións na contorna de diversos recursos turísticos, como o miradoiro de Bolmente, o do santuario de Cadeiras, do souto da Tallada, da capela da Virxe dos Ánxeles e dos muíños do regato do Xábrega.
20 ALUMNOS NO OBRADOIRO DE EMPREGO MANCOMUNADO
O obradoiro de emprego RICRA, impulsado conxuntamente polos concellos de Sober, Pantón e O Saviñao e financiado pola Consellería de Traballo con 177.668 euros, está a desenvolver obras de acondicionamento en espazos de interés social destes municipios, ó tempo que os vinte alumnos participantes reciben formación teórico-práctica retribuída nas especialidades de xardinería, e montaxe e instalación de construcións de madeira.•