O 21 de marzo, o chantadino Xosé Lois García presentou a reedición da súa obra «Simboloxía do románico de Pantón», un dos seus traballos máis profundos sobre a riqueza patrimonial da Ribeira Sacra. O acto celebrouse no Salón de Actos do Concello de Pantón coa presencia do conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez Abad, quen destacou a calidade e o valor deste estudo, “xa que a salvagarda do patrimonio cultural dun país, a súa supervivencia material e significativa e a súa transmisión ás xeracións futuras, comeza pola educación e a concienciación no presente”. O conselleiro suliñou que este obra mostra as igrexas e mosteiros da zona como “o reflexo feito pedra do espírito e a moral do tempo no que foron construídas, ó entrelazar diferentes símbolos que transmiten unha riquísima e heteroxénea narración do que era a vida no Medievo”. Vázquez Abad agradeceu “o especial agarimo e compromiso que demostrou Xosé Lois co patrimonio cultural de Galicia é, dun xeito especial, co noso legado románico”.•