•Os dous rexedores reuníronse en Lugo por iniciativa do senador socialista Ricardo Varela, quen denunciou que “o PP ten tomada a decisión de que a provincia de Lugo quede fóra do AVE”
Os concellos de Lugo e Monforte acordaron sumar forzas para evitar que o Ministerio de Fomento “marxine á provincia de Lugo na chegada do AVE a Galicia”. Nunha reunión celebrada o 20 de marzo na capital provincial, os alcaldes de Lugo, José López Orozco, e o de Monforte, Severino Rodríguez, decidiron “plantarlle cara ó Goberno do Partido Popular e evitar que se consume unha nova marxinación da nosa provincia”. Esta reunión celebrouse coa presencia do deputado en Cortes polo PSOE, José Blanco, e o senador socialista Ricardo Varela, impulsor desta iniciativa, quen criticou que “o PP ten tomada a decisión de que a provincia de Lugo quede fóra do AVE”. Pola súa parte, o alcalde de Monforte destacou que “cada vez que un político minte dinamita a democracia” e explicou que, grazas ós escritos aportados na reunión polos parlamentarios socialistas, puido comprobar documentalmente que hai unha orde de paralización de infraestruturas “que repercuten de maneira determinante no trazado ferroviario que ten que pasar por Monforte”. Ademais, Severino Rodríguez anunciou que “unha vez que teño esa documentación por escrito que dá fe de que nos estiveron enganando, vou informar ó Consello Económico e Social de Monforte e trasladar isto ó Pleno da Corporación para que se tomen as medidas oportunas e desenmascarar esta mentira que nos estiveron contando durante todo este tempo”.