Sarria acollerá a III Feira de Antigüidades da Eurorrexión-XIX Feira de San Lázaro a primeira fin de semana de abril

Ademais do mercado, na Feira haberá teatro, exposicións, obradoiros e música tradicional

Este ano, os anticuarios de Sarria terán un Espazo Xove para achegar as antigüidades á xuventude. (Foto: Arquivo EC).
Este ano, os anticuarios de Sarria terán un Espazo Xove para achegar as antigüidades á xuventude. (Foto: Arquivo EC).

A primeira fin de semana de abril, Sarria convertirase na capital das antigüidades e do coleccionismo coa celebración da III Feira de Antigüidades da Eurorrexión-XIX Feira de San Lázaro. Do 5 ó 6 de abril, a rúa do Porvir encherase de arte, calidade e nostalxia nun mercado urbano no que participan preto dunha vintena de expositores procedentes de toda Galicia e norte de Portugal. Por terceiro ano consecutivo, a III Feira de Antigüidades da Eurorrexión-XIX Feira de San Lázaro está organizada e coordinada polo Centro de Referencia de Antigüidades e Restauración do Concello de Sarria, integrado no Eixo Interior, e co apoio da Unión Europea mediante cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013 (POCTEP).

«ESPAZO XOVE» QUE APOSTA POLO «VINTAGE»

O mercado urbano é o gran atractivo do evento que transcurre na rúa do Porvir, e que este ano ofrece como novidade unha iniciativa dos anticuarios de Sarria para achegar as antigüidades ás novas xeracións. Con este fin, os seis anticuarios da vila xacobea crearán o Espazo Xove, unha carpa especial onde a mocidade poderá adquirir pezas por un valor non superior a 300 euros, e incorporar así obxectos de anticuario á súa decoración na liña da estética «vintage» tan en boga na actualidade.

 Ademais, o Artesanato de Barcelos realiza un obradoiro de pintura do Galo de Barcelos. (Foto cedida).
Ademais, o Artesanato de Barcelos realiza un obradoiro de pintura do Galo de Barcelos. (Foto cedida).

OBRADOIROS DIVERSOS

Ademais do mercado, un amplo programa de actividades artísticas e culturais completan esta Feira. O obradoiro-expositor de talla en madeira da Asociación Sarricanta desenvolverase mañá e tarde os dous días da feira, na rúa do Porvir. No mesmo horario, estará aberta ó público a exposición de pintura Rodim, na rúa de San Lázaro, e pola tarde poderá visitarse o obradoiro de luthería Germán Luthier na rúa Marqués de Ugena. A cerámica da Eurorrexión será a protagonista do stand do Eixo Interior, que acollerá o obradoiro-expositor «Artesanato de Barcelos», espazo no que se desenvolverá un obradoiro para amosar os segredos da técnica de pintura do famoso «Galo de Barcelos».Por outra banda, os zocos e coiros protagonizarán o obradoiro-expositor da pontevedresa Elena Ferro, aberto mañá e tarde. A artesá sarriana Pilar López participará na feira co seu obradoiro-expositor de teares, en horario de mañá e tarde. O domingo todo o día poderá verse o obradoiro-expositor de Olería de Gundivós, a cargo de Elías González. Para os máis cativos está pensado o obradoiro de monicreques interactivo do sábado pola tarde na Casa da Cultura, onde os participantes elaborarán o seu propio monicreque, que cobrará vida na representación que se desenvolverá a última hora da tarde.

TEATRO, MÚSICA E EXPOSICIÓNS

A feira terá espazo para o teatro na rúa, coa representación, ás 17,30 horas, dunha homenaxe ó cinema antigo, a cargo do grupo de teatro sarrián Rebuldeira. A música e danza galega tradicionais completan o programa de actos, coa actuación, o sábado ás 18 horas, da Asociación Peleriños, e o domingo á mesma hora farao a Asociación Meigas e Trasgos. No mesmo eixo da rúa do Porvir, a Casa da Cultura estará aberta a fin de semana coa exposición «Xoguetes antigos», con fondos do Museo Provincial de Lugo, e a mostra «Bolillos», da Asociación de Palilleiras do Camiño de Santiago de Sarria. A mostra «Bordados» e a exposición «Cestería Viva», de Lola Tourón completan a axenda.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Federación Rural Galega-FRUGA denuncia a situación de “indefensión” dos produtores de vacún de carne

Seguinte Nova

Pantón aforrará 6.700 euros anuais na factura eléctrica gracias ó programa de eficiencia enerxética conxunto

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: