Sober invita á XXXIV Feira do Viño de Amandi «dende o corazón dos viñedos»

Carlos Núñez lerá o pregón o domingo 13 de abril, e na víspera ofrecerá un concerto en Cadeiras

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Lugo, a soberina Raquel Arias, e o pintor de Rosende Pepe Sanjurjo Mantilla, autor do cartel, presentaron “no corazón dos viñedos de Amandi” o programa da feira enolóxica decana da Ribeira Sacra.  GPDTL.
O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Lugo, a soberina Raquel Arias, e o pintor de Rosende Pepe Sanjurjo Mantilla, autor do cartel, presentaron “no corazón dos viñedos de Amandi” o programa da feira enolóxica decana da Ribeira Sacra. GPDTL.

A mediados de marzo foi presentado o programa de actos e o cartel conmemorativo da XXXIV Feira do Viño de Sober, que se celebrará o 12 e 13 de abril. O acto tivo lugar no “corazón dos viñedos de Amandi”, como destacou o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, quen estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e o pintor de Rosende Pepe Sanjurjo Mantilla, autor do cartel deste ano. O artista creou unha panorámica de Sober desde a Praza do Concello ata os viñedos, sobre a que aparece a figura dun home que simboliza un falecido da vila que decidiu levar con el o viño de Amandi. “É tan imprescindible que ata aí se exporta”, ironizou o alcalde, que agradeceu a colaboración desinteresada do autor. Días antes, xa se dera a coñecer o nome do pregoeiro da trixésimo cuarta edición da Feira de Amandi. Carlos Núñez, o gaiteiro galego máis internacional, lerá o pregón o domingo, e na víspera ofrecerá un concerto íntimo no interior do santuario de Cadeiras. O Concello de Sober ten previsto habilitar autobuses desde a capitalidade, e os veciños de Sober teñen prioridade na adquisición das entradas.

ADEGA VIÑA PEÓN ABRIRÁ A FEIRA

O sábado 12 de abril ás 11,30 horas, as bombas de palenque darán inicio á XXXIV Feira de Amandi, e ás 12 terá lugar a apertura oficial a cargo da Adega Viña Peón, en lembranza do seu fundador, Florencio Rodríguez. A música tradicional estará presente ó longo de toda a xornada festiva, como é natural nunha vila con tanta tradición musical. A Banda de Sober ofrecerá un concerto ás 17 horas, e ás 19,30 horas comezará o concerto do gaiteiro Carlos Núñez no santuario de Cadeiras. Xa ás dez da noite, haberá un concerto na Praza do Concello, a cargo dos Festicultores. Mentres soa a música, ás 18,30 horas comezará a precata oficial dos viños participantes na Feira no Centro Sociocultural de Sober.

PREGÓN E PREMIOS O DOMINGO

O domingo 13 de abril comezará a festa ás 10,30 horas, co disparo de bombas de palenque na honra de cada adegueiro participante. A música ocupará boa parte da xornada matinal, coa actuación do grupo de música tradicional Érvedo, a charanga NBA, e pasarrúas a cargo da Banda de Sober. Xa ás once e media, comezará a cata oficial dos viños de Amandi. A esa mesma hora, celebrarase a misa solemne na igrexa de Sober, coa bendición de ramos. Ás doce e media terá lugar a recepción das autoridades na Casa do Concello, para continuar coa lectura do pregón a cargo do gaiteiro Carlos Núñez. A mañá rematará coa entrega dos premios ós adegueiros, e a Feira de Amandi pecharase cunha verbena, a partir das 19,30, a cargo da orquestra Los Satélites.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Sober promociona a gran festa do seu viño durante o Mes do Amandi

Seguinte Nova

Máis de 1.000 atletas participaron na VI Carreira Popular de Monforte

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

Ir aInicio

Don't Miss