Sober promociona a gran festa do seu viño durante o Mes do Amandi

Sober está a celebrar diversos actos dentro do Mes do Amandi, catro semanas previas á gran Feira do Viño que teñen como obxectivo, según explicou o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, promocionar e enriquecer esta gran cita enolóxica, decana da Ribeira Sacra.

CURSOS E XORNADAS

O programa do Mes do Amandi comezou cunha xornada de portas abertas de maridaxe do lacón galego con viño de Amandi, celebrado na Escola de Hostelería de Sober o día 19. O coñecemento do viño de Amandi centrou o curso de cata de viños realizado do 26 ó 28 de marzo, que tivo unha excelente acollida, polo que o Concello de Sober decidiu desenvolver outra xornada formativa similar do 2 ó 4 de abril. Tamén o día 28 de marzo levouse a cabo a xornada denominada “Aspectos actuais da patoloxía da vide cara a unha viticultura sostible”, organizada pola Estación de Enoloxía de Galicia e que, según o alcalde de Sober, foi unha actividade moi demandada polos adegueiros. Ademais, e en colaboración coa ONCE-Lugo, o Centro Sociocultural de Sober acolle o sábado 29 unha cata comentada para persoas con discapacidade visual. Dentro da promoción do viño de Amandi, o Concello de Sober acordou que máis dunha vintena de establecementos da comarca de Lemos recomenden durante este mes o viño de Amandi. Este acordo realizouse a través da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo.

OS BOLECHAS O SÁBADO 5 DE ABRIL

Para os máis cativos tamén hai espazo no Mes do Amandi. Os Bolechas, célebres personaxes da famosa saga literaria infantil, visitarán a capitalidade de Sober o sábado 5 de abril para presentar o seu volume sobre os atractivos turísticos das terras soberinas. Os Bolechas deleitarán á rapazada cun pasarrúas pola localidade.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Novo aspecto da rotonda das Gándaras, en Pinol

Seguinte Nova

Sober invita á XXXIV Feira do Viño de Amandi «dende o corazón dos viñedos»

Últimas noticias sobre CULTURA

     
A %d blogueros les gusta esto: