A Xunta distingue a á Confitería Madarro, de Lugo, como o establecemento máis antigo da nosa provincia

Dentro da iniciativa «A Semana do teu Comercio»

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, entregan ós responsables da Confitería Madarro, de Lugo, a distinción como establecemento máis antigo da nosa provincia. CEI
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, entregan ós responsables da Confitería Madarro, de Lugo, a distinción como establecemento máis antigo da nosa provincia. CEI

A través da iniciativa «A Semana do teu Comercio», que desenvolveu durante o pasado ano a Consellería de Economía e Industria, a Xunta de Galicia quixo destacar a importancia do comercio de proximidade para o desenvolvemento das nosas cidades e vilas. Esta campaña puxo en valor o papel dos centros comerciais abertos para a dinamización económica local, e o traballo de adaptación ós novos tempos que, dentro de cada unha destas asociacións, realizou o establecemento máis lonxevo.

FRANCISCO CONDE: «OS ESTABLECEMENTOS MÁIS ANTIGOS DE GALICIA SON HISTORIA VIVA DAS NOSAS VILAS E CIDADES»

O colofón a esta iniciativa tivo lugar o pasado 2 de abril, nun acto oficial celebrado no Museo do Pobo Galego, e no que o conselleiro de Economía e Industria, o monfortino Francisco Conde, fixo entrega das distincións ós comercios máis lonxevos nas diferentes categorías. Conde salientou «o traballo e a dedicación dos comercios máis antiguos de Galicia», ós que cualificou de «historia viva» das nosas vilas e cidades. O conselleiro entregou o recoñecemento ao comercio máis lonxevo de Galicia á farmacia Couceiro de Betanzos, un establecemento do que xa hai constancia en documentos de 1.719 e polo que teñen pasado nove xeracións da mesma familia. No acto, no que participaron, entre outros, os delegados da Xunta en Lugo e Pontevedra, Raquel Arias e José Manuel Cores Tourís, e os alcaldes de Lalín, Tui, Cambados e Rianxo; así como o presidente da Federación Galega de Comercio, entregáronse tamén distincións aos comercios de maior traxectoria nas súas respectivas categorías.

GALARDÓNS AOS COMERCIOS MÁIS LONXEVOS

O comercio destacado na provincia de Lugo foi a Confitería Madarro, fundada en 1891 e que continúa a elaborar o seu produto de maneira totalmente artesanal, mentres que en Ourense se distinguiu a Ricardo Terán, un establecemento do Barco de Valdeorras especializado en produtos do agro que ten a súa orixe en 1881. Pola súa banda, na categoría dos establecementos de alimentación recolleu o galardón Alimentación Alonso, de Tui, un negocio fundado en 1890 á fronte do cal está xa a cuarta xeración. E en xoiería, a tenda máis antiga das participantes nesta iniciativa foi a xoiería e óptica Villar, de Cambados (Pontevedra), que botou a andar en 1880. Na localidade coruñesa de Rianxo ten a súa orixe en 1904 a librería Cándido, un negocio familiar que no seu momento foi a primeira imprenta de Rianxo. E na vila pontevedresa de Cangas atópase Indalecio Moda, a tenda téxtil máis antiga de A semana do teu comercio, un establecemento fundado en 1860. Na categoría de panadería, o recoñecemento foi para Manolo da Morena, en Lalín, un negocio que chega xa á quinta xeración e máis de 170 anos de traxectoria.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A XUNTA DESTINOU NOS ÚLTIMOS MESES MÁIS DUN MILLÓN DE EUROS PARA MODERNIZAR O COMERCIO DE PROXIMIDADE LUCENSE

Seguinte Nova

COMPLETADA A ADXUDICACIÓN DAS VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA NO EDIFICIO DO ANTIGO HOTEL COMERCIO DE MONFORTE

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: