•Os famosos personaxes da literatura galega infantil visitaron a capitalidade soberina •O creador dos Bolechas, Pepe Carreiro, asinou exemplares da guía turística “Os Bolechas van a Sober”
Na mañá do sábado 5 de abril, os Bolechas, famosos personaxes da literatura galega infantil creados por Pepe Carreiro, visitaron Sober para presentar a guía turística “Os Bolechas van a Sober”, dentro dos actos do Mes de Amandi que organiza o Concello de Sober como paso previo á Feira do Viño. Preto dun centenar de nenos e nenas disfrutaron dunha xornada festiva cos Bolechas, e recibiron un exemplar desta publicación. “Os Bolechas van a Sober” fai un percorrido polos lugares máis emblemáticos e referentes turísticos deste Concello, a través dunha excursión dos Bolechas. Coñecen os canóns do Sil, os viñedos de Amandi, a olería de Gundivós e os petroglifos de Proendos, entre outros.•