A Deputación de Lugo ofrecerá ós concellos a iniciativa de inclusión de cláusulas sociais nos contratos de servizos

Gómez Besteiro tamén levará esta iniciativa ó Parlamento de Galicia, onde pedirá “ ó Presidente da Xunta que siga o camiño que abriu a Deputación de Lugo e impoña obrigas sociais nos contratos que blinden os dereitos dos traballadores”

 

A comezos deste mes, o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou no Pleno provincial a iniciativa que levará ó Parlamento de Galicia sobre a aplicación das cláusulas sociais nos contratos de servizos. GPDL.
A comezos deste mes, o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou no Pleno provincial a iniciativa que levará ó Parlamento de Galicia sobre a aplicación das cláusulas sociais nos contratos de servizos. GPDL.

• O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou no Pleno provincial celebrado a comezos de abril novidades sobre a inclusión de cláusulas sociais nos contratos de servizos. O titular provincial informou de que levará ó Parlamento de Galicia a iniciativa que blinda ós traballadores das empresas que ofrecen servizos ás Administracións. Asimesmo, Gómez Besteiro suliñou que ofrecerá a todos os concellos de Galicia “a nosa experiencia para que poidan avanzar nesta senda”.

A DEPUTACIÓN DE LUGO, PIONEIRA EN GALICIA E ESPAÑA EN INCORPORAR CLÁUSULAS SOCIAIS NOS CONTRATOS

O mandatario provincial lembrou que “a Deputación de Lugo é a primeira institución pública de Galicia e a primeira Deputación de España que incorporou cláusulas sociais en todos os contratos de servizos”, aínda que afirmou que “non nos conformamos con ser pioneiros na defensa dos dereitos laborais”. Neste sentido, Besteiro suliñou que “pediremos ó Presidente da Xunta no Parlamento que siga o camiño que abriu a Deputación de Lugo e impoña obrigas sociais nos contratos que blinden os dereitos dos traballadores”. O organismo provincial xa está a aplicar este novo modelo de contratación socialmente responsable. Gómez Besteiro lembrou que no mes de maio estarán adxudicados os primeiros contratos de servizos que inclúen cláusulas sociais, e que corresponden ó servizo de vixilancia, limpeza, o do Centro de Atención ó Usuario (CAU), o proxecto europeo do Goberno Intelixente, e a aula itinerante de formación. Estes cinco contratos suman en total preto de 10 millóns de euros.

A Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios, entidade adscrita ó Ministerio de Sanidade, quixo coñecer de primeira man este modelo de contratación socialmente responsable, tanto os criterios de valoración introducidos nos pregos como as obrigas esixidas ás empresas durante a execución do contrato Asimesmos, sindicatos como Comisións Obreiras ou CIG celebraron a decisión da Deputación luguesa, que cualificaron de “moi positiva”, ademais de reclamar que se estenda a todas as administracións galegas

CUMPRIMENTO DUNHA DIRECTIVA EUROPEA DO ANO 2004

Gómez Besteiro explicou que a lexislación europea contempla a inclusión das cláusulas sociais nos contratos de servizos. En concreto, fixo referencia a unha Directiva Europea do ano 2004 que dispón indicacións “moi xenéricas” sobre este aspecto, “pero que na prática non se aplica”. O mandatario provincial destacou que a Deputación de Lugo non só está a cumplir con esta normativa, senón “que somos máis ambiciosos na defensa dos traballadores”, como se demostra, según precisou Besteiro, no feito de que o organismo provincial xa inclúe estas cláusulas sociais nos pregos de contratación. Esta posibilidade está contemplada pola Lei no artigo 150 do Texto Refundido da Lei de Contratos do Sector Público.

CONTROL E SANCIÓNS PARA AS EMPRESAS QUE INCUMPLAN

Por outra banda, a Deputación de Lugo establece un control para o cumplimento, por parte das empresas solicitantes, destas cláusulas que blindan os dereitos dos traballadores. Así, o organismo provincial esixe por escrito e como condicionante que a empresa garanta durante toda a relación contractual o número de empregados e as súas condicións laborais. Neste sentido, a Deputación de Lugo plantea rigurosos mecanismos de control e un sistema de sancións polo incumplimento destas condicións, que poden chegar á rescisión do contrato. Asimesmo, valorará o número de empregados con contrato indefinido nas empresas solicitantes, e a inserción de personal con discapacidade.

GARANTÍAS FRONTE A OFERTAS Á BAIXA OU CAMBIOS NAS RELACIÓNS LABORAIS

Outro aspecto sobre o que incide o novo modelo de contratación socialmente responsable ten que ver co prezo da oferta. As cláusulas sociais evitan as ofertas á baixa a costa de reducir os gastos laborais, ó non permitir unha baixa desproporcionada ou anormal no prezo ofertado polas empresas. Os dereitos dos traballadores tamén están garantidos fronte a posibles cambios nas relacións laborais. De darse esta situación, o organismo provincial esixirá ás empresas solicitantes que apliquen o convenio máis favorecedor para os traballadores.

FREO ÓS EFECTOS DA “NEFASTA” REFORMA LABORAL DO GOBERNO CENTRAL

Con estas medidas, a Deputación de Lugo trata de impedir que as empresas se escusen en leis “tan nefastas como a reforma laboral do Goberno central para vulnerar os dereitos dos traballadores en favor dos despedimentos en precario ou baixadas de soldo”.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Rebuldeira de Sarria recreou o cinema antigo na Feira de Antigüidades

Seguinte Nova

Arrincou o plan de emprego provincial para pequenos municipios integrados na Rede Natura

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: