•Con esta iniciativa da Deputación de Lugo, 80 desempregados da nosa provincia desenvolverán traballos de mantemento e conservación nos 12 municipios incluídos no programa •A duración destes contratos será de 15 meses •No sur de Lugo, os concellos incluídos son O Incio, Quiroga, Samos, A Pobra do Brollón e Ribas do Sil •O organismo provincial destina 2 millóns de euros a este plan de emprego
O mes de abril estreou unha nova iniciativa polo emprego que dende a Deputación provincial busca crear postos de traballo para desempregados dos municipios de menos de 5.000 habitantes. Así, un total de 80 lucenses comezaron a traballar este mes nos doce concellos que integran este plan, e entre os que se encontran Quiroga, O Incio, Samos, A Pobra do Brollón e Ribas do Sil. Estes traballadores foron contratados a través dos concellos para realizar melloras dos servizos públicos, e estarán desenvolvendo estas tarefas durante os 15 meses que dura o contrato.
PERFIL DOS CONCELLOS INTEGRADOS NO PLAN DE EMPREGO
Na reunión que mantivo cos alcaldes destes concellos e cos novos empregados na víspera do arranque desta iniciativa, o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, explicou os detalles do plan de emprego provincial. Besteiro salientou que a Deputación vén de destinar 2 millóns de euros a este programa, destinado a municipios de menos de 5.000 habitantes que integran a Rede Natura e que, según o mandatario provincial, foron excluídos «reiteradamente» dos obradoiros ou escolas taller da Xunta de Galicia dende 2009. Asimesmo, tamén se tivo en conta a maior taxa de paro e de superficie forestal. Gómez Besteiro suliñou que son concellos que forman parte da Rede Natura «que a Xunta mantén no máis absoluto abandono, ó non darlles fondos para que estas zonas sexan protexidas e non queden á marxe do desenvolvemento económico, e que a Deputación de Lugo trata de compensar».
ENTRE 11 E 4 TRABALLADORES POR MUNICIPIO
A determinación do número de traballadores por concello realizouse tendo en conta o número de habitantes do municipio, cun máximo de 11 para concellos de ata 5.000 habitantes, e un mínimo de 4 para os de menos de 500. O reparto no sur de Lugo estableceu 8 traballadores para o concello de Quiroga, e 5 para cada un dos outros cinco concellos.
BASES DE CONTRATACIÓN «O MÁIS SOCIAIS POSIBLES»
O proceso de selección do persoal estivo a cargo dos propios concellos, mediante unha convocatoria pública según a lexislación vixente, que establece as bases para este tipo de contratacións a través do Servizo Público de Emprego. O perfil profesional requerido axustábase á categoría de peón, e según explicou o alcalde de Ribas do Sil, Miguel Sotuela, as bases da contratación foron «o máissociais posibles”, xa que valoraban a parados de longa duración, os desempregados que non cobraban nada, os que tiñan cargas familiares e nenos pequenos, ou casos en risco de exclusión social.
A DEPUTACIÓN ASUME O CUSTE DA SEGURIDADE SOCIAL E OS SOLDOS DOS TRABALLADORES
Aínda que a contratación correspondeu ós concellos, é a Deputación quen asume os custes da Seguridade Social e as retribucións dos traballadores. Co fin de non agravar a situación económica dos concellos, a Deputación ofreceulles o adianto do 90% do orzamento que lles corresponde a cada un dos municipios. A aportación total que o organismo provincial fará ó concello de Quiroga por este concepto será de 216.120 euros, e para A Pobra do Brollón destina 111.792 euros. Ribas do Sil recibirá 135.075 euros para este plan, e Samos disporá do mesmo importe, ó igual que O Incio.
TAREFAS DE MANTEMENTO E MELLORA NO MEDIO RURAL E ESPAZOS PÚBLICOS
Os novos traballadores realizarán traballos de mantemento ordinario e obras no medio rural, tales como desbroces ou pequenos arranxos en dotacións públicas. “Os traballadores realizarán as tarefas de coidado, mantemento e mellora habituais no municipio”, explicou Julio Álvarez, alcalde de Quiroga. “Son as tarefas que van xurdindo nun concello destas características”, suliñou o alcalde de A Pobra do Brollón, Xosé Luís Maceda. O plan de emprego tamén inclúe medidas preventivas en defensa do medio ambiente. “Fixemos unha memoria onde se especificaron, ademais das tarefas de mantemento integral e as frecuentes que solemos facer, outras de mantemento de rutas de sendeirismo, que se desenvolverán máis adiante”, precisou o alcalde de Ribas do Sil. Sotuela explicou que os novos traballadores encargaranse ademais de limpar camiños dos viñedos, facer desbroces nos camiños e sendeiros sen acceso para medios mecánicos, e labores de atención e coidado da zona de baño da Praia Fluvial. O plan de emprego da Deputación establece unha duración de 15 meses para este tipo de contratos, a diferencia dos obradoiros de emprego doutras administracións nos que os desempregados traballan só 6 meses.
UNHA MEDIDA “POSITIVA”
“Todo o que sexa xerar postos de traballo, aínda que sexa dende a administración, é positivo”, manifestou Julio Álvarez, alcalde de Quiroga, a propósito do plan de emprego da Deputación.
“TODAS AS ADMINISTRACIÓNS DEBEMOS PROCURAR XERAR EMPREGO NO QUE SE POIDA, PORQUE A SITUACIÓN NO RURAL É ALARMANTE”
“En Brollón presentáronse 40 persoas para os 5 postos que había”, destacou Xosé Luís Maceda, alcalde de A Pobra, quen lamentou “a imaxe triste que dá este dato da situación económica que temos agora”. Maceda considera que “o prioritario dos que estamos en política ten que ser dar emprego, dada a situación que vemos día a día”. O alcalde de A Pobra do Brollón denunciou que “a realidade social que estamos a ver no rural é alarmante”, e precisou que no seu concello o número de persoas que perciben a Renta de Integración Social de Galicia (RISGA) vén de multiplicarse por cinco. “Todas as administracións debemos procurar xerar e fomentar o emprego no que se poida”, insiste Maceda, “xa que hai un alto risco de exclusión social”. “O plan da Deputación vai axudar a dar emprego na provincia, pero bótase de menos que a Xunta non adique recursos para o emprego no rural”, destacou o alcalde de Brollón.
“EN RIBAS DO SIL TEMOS XENTE QUE HAI MOITO TEMPO QUE NON TEN INGRESOS”
Esta mesma queixa facía o alcalde de Ribas do Sil, Miguel Sotuela, que cualificou de “oportunísimo” o plan de emprego da Deputación, “pero a lástima é que a Xunta non faga o mesmo”. “Hai que paliar a necesidade de man de obra no rural, que nesta zona é grave pola propia crise da construcion e tamén pola da pizarra que tanto nos afecta”, precisa Sotuela. O rexedor de Ribas do Sil celebrou a creación destes postos de traballos, “dos que necesitaríamos máis, xa que para as 5 prazas presentáronse 19 candidatos”. “Estes postos son benvidos xa non só polo traballo que fan, senón pola necesidade que hai no municipio, xa que temos xente, moita, que hai moito tempo que non ten ingresos”, precisou Sotuela.•