•A mostra itinerante sobre o “poeta obreiro” arrincou en Paradela e puido verse en Lugo, Begonte, Sarria e Portomarín, e proximamente viaxará a Cataluña, onde Rodríguez López emigrara e onde desenvolveu a súa obra inspirada en Galicia
A exposición itinerante que afonda na figura e na obra do escritor de Paradela ‘Manuel Rodríguez López, emigrante galego, poeta obreiro’ puido verse este mes no Museo do Pobo Galego. No acto de apertura, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, salientou o talento de Manuel Rodríguez ao servizo da difusión da cultura e da identidade galegas, e cualificou o proxecto expositivo como “unha merecida homenaxe” ao intelectual lucense e ao seu legado, desde a perspectiva dun escritor que observa, que sente e que expresa o esencial da súa cultura. No acto de inauguración tamén participaron o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o alcalde de Paradela, José Manuel Mato; a viúva do escritor, Irene López; e Antonio Giz, director de GaliciaDigital. A vida do intelectual queda reflectida na publicación dun libro sobre a súa traxectoria, en cuxa edición colaborou a Consellería de Cultura e Educación. O libro fai un percorrido pola historia deste emigrante que deixou un inmenso legado a través das súas obras poéticas ou en prosa, así como coa súa colaboración en diversos libros.
AUTOR PREMIADO
Rodríguez López sempre mostrou unha gran preocupación pola cultura e por Galicia, e durante a súa etapa vital en Cataluña desenvolveu un importante labor como cronista dos actos desenvolvidos na comunidade relacionados con Galicia. Manuel Rodríguez López recibiu numerosos premios, entre os que se atopan o de poesía Meigas e Trasgos de Sarria nos anos 1997 e 1980; o Xosé María Chao Ledo no III certame Literario de Vilalba, en 1977, e o primeiro premio do Certame Literario de Begonte en 1985, entre outros galardóns. Ademais, foi nomeado fillo predilecto de Paradela o ano no que faleceu (1990) e Lucense do ano 1989.•