Contra o proxecto de encauzamento dos ríos
•Preto dun milleiro de persoas participaron na manifestación convocada o 12 de abril •Os rexistros de Lugo e Monforte e o da Confederación Hidrográfica Miño-Sil recibiron máis de 400 alegacións en contra o proxecto de encauzamento dos ríos Sarria e Celeiro •O roteiro do día 19 polos ríos de Sarria contou con preto dun centenar de participantes

A Plataforma Sarriana polo Río desenvolveu neste mes unha intensa actividade para amosar o seu rexeitamento ó proxecto de encauzamento dos ríos Sarria e Celeiro que iniciou a Confederación Hidrográfica Miño-Sil a comezos deste ano. O colectivo veciñal convocou unha manifestación o día 12, que foi seguida por preto dun milleiro de persoas, e que rematou coa lectura dun manifesto onde a Plataforma lembraba que “foi un grupo de veciños de Sarria encadeados ás árbores da illa do Toleiro e non a Confederación, nin as Consellerías de Cultura e Medio Ambiente, nin o Ministerio” os artífices da salvación do bosque de ribeira, cuxa tala masiva foi paralizada por unha medida cautelar do Xulgado ó día seguinte do desaloxo da illa. A xustiza volveu dar a razón á Plataforma ó desestimar recentemente o recurso da Confederación contra a paralización da tala, ó constatar que esta operación carece da preceptiva autorización de Patrimonio, ademais de que o informe de Patrimonio implica “manter a vexetación de ribeira autóctona, en especial as árbores”.

Por outra banda, a Plataforma organizou un roteiro o día 19 polos ríos e pontes que serían afectados por este proxecto. A Plataforma denunciou os “embates” que se cernen sobre a Ponte Ribeira, a do Toleiro e a Ponte de Ferro con estas obras, que prevén o seu derribo e a interrupción da circulación a pé e de tráfico por un prazo aproximado dun ano.•