A Plataforma Sarriana polo Río segue con actividades en defensa da natureza e o patrimonio histórico

Contra o proxecto de encauzamento dos ríos

•Preto dun milleiro de persoas participaron na manifestación convocada o 12 de abril •Os rexistros de Lugo e Monforte e o da Confederación Hidrográfica Miño-Sil recibiron máis de 400 alegacións en contra o proxecto de encauzamento dos ríos Sarria e Celeiro •O roteiro do día 19 polos ríos de Sarria contou con preto dun centenar de participantes

Encabezamento da manifestación convocada o 12 de abril pola Plataforma Sarriana polo Río, que reuniu a preto dun milleiro de persoas. (Foto cedida).
Encabezamento da manifestación convocada o 12 de abril pola Plataforma Sarriana polo Río, que reuniu a preto dun milleiro de persoas. (Foto cedida).

A Plataforma Sarriana polo Río desenvolveu neste mes unha intensa actividade para amosar o seu rexeitamento ó proxecto de encauzamento dos ríos Sarria e Celeiro que iniciou a Confederación Hidrográfica Miño-Sil a comezos deste ano. O colectivo veciñal convocou unha manifestación o día 12, que foi seguida por preto dun milleiro de persoas, e que rematou coa lectura dun manifesto onde a Plataforma lembraba que “foi un grupo de veciños de Sarria encadeados ás árbores da illa do Toleiro e non a Confederación, nin as Consellerías de Cultura e Medio Ambiente, nin o Ministerio” os artífices da salvación do bosque de ribeira, cuxa tala masiva foi paralizada por unha medida cautelar do Xulgado ó día seguinte do desaloxo da illa. A xustiza volveu dar a razón á Plataforma ó desestimar recentemente o recurso da Confederación contra a paralización da tala, ó constatar que esta operación carece da preceptiva autorización de Patrimonio, ademais de que o informe de Patrimonio implica “manter a vexetación de ribeira autóctona, en especial as árbores”.

Un momento do roteiro polos ríos Sarria e Celeiro organizado por este colectivo o 19 de abril. (Foto cedida).
Un momento do roteiro polos ríos Sarria e Celeiro organizado por este colectivo o 19 de abril. (Foto cedida).

Por outra banda, a Plataforma organizou un roteiro o día 19 polos ríos e pontes que serían afectados por este proxecto. A Plataforma denunciou os “embates” que se cernen sobre a Ponte Ribeira, a do Toleiro e a Ponte de Ferro con estas obras, que prevén o seu derribo e a interrupción da circulación a pé e de tráfico por un prazo aproximado dun ano.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Turismo de Galicia organiza en Monforte dous cursos sobre novas tecnoloxías para o sector turístico da Ribeira Sacra

Seguinte Nova

A Semana Santa rexistrou 3.890 consultas nas oficinas de Turismo da Ribeira Sacra

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: