O gaiteiro Carlos Núñez foi o pregoeiro en Sober, e a actriz Cristina Castaño leu o pregón en Quiroga

Na fin de semana de Ramos, Sober acolleu a XXXIV Feira do Viño de Amandi, celebración enolóxica decana na Ribeira Sacra, que este ano tivo como pregoeiro de excepción a Carlos Núñez, o noso gaiteiro máis universal.
CARLOS NÚÑEZ DESTACOU O ÉXITO QUE ESTÁ A TER O VIÑO DE AMANDI NO MUNDO
O músico destacou na súa alocución que “viño e música, e paisaxe, e cultura, son todo un”, e fixo un repaso da orixe do viño de Amandi, ó tempo que falou do éxito que están a ter estes viños polo mundo adiante. “Hai só uns días tocamos na City Winery, un lugar de concertos moi de moda en Nova Iorque xusto antes do día de San Patricio, a festa maior dos irlandeses, e vaia como disfrutaban dos viños galegos que había na carta os Irish Americans”, explicou o gaiteiro.
O GAITEIRO SULIÑOU A IMPORTANCIA DE PRESERVAR OS COSTUMES E A TRADICIÓN LIGADA Á CULTURA DO VIÑO “PARA QUE O QUE QUEDA NON SEXA UNHA CARICATURA PLASTIFICADA DO QUE FOI”
Carlos Núñez suliñou que “estamos a vivir un fermoso momento no que non está todo feito, o momento dos soños, de construír, como pasa coa nosa música e igual que a nosa música viviu e seguirá existindo mentres no rural siga viva, igual que pasa co viño”. O músico destacou a importancia de preservar as tradicións e o marco natural no que leva discurrindo a nosa vida e a nosa cultura, xa que “tan importante é a industrialización e a comercialización que dá postos de traballo e produce riqueza como manter vivas as raíces, na casa, na familia, cos amigos, senón o que queda é artificial, unha caricatura plastificada do que foi”. Carlos Núñez rematou o seu discurso aludindo ó soño do seu avó de tocar unha peza coa Banda de Sober, polo que o músico interpretou dúas pezas acompañado por esta histórica formación musical.

CRUCEIRO, AS MURAS E DON BERNARDINO, ADEGAS PREMIADAS NA CATA DA XXXIV FEIRA DE AMANDI
En canto ós premios da XXXIV Feira do Viño de Amandi, este ano resultaron galardoadas as adegas Cruceiro, As Muras e Don Bernardino. O xurado estivo composto por Mar Vilanova de la Torre, investigadora da Misión Biológica de Galicia (CSIC), do grupo de investigación de viticultura; Mª Eugenia Medina González, enóloga da Asesoría Enolóxica Integral Dona Branca S.L. e membro de diversos comités de cata; Juan Manuel Casares Gándara, director da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia; David Cidre Guitián, profesor do ciclo formativo de Servizos en Restauración da Escola de Hostalería Belarmino Fernández Iglesias de Rosende, e José María Martínez Alonso, membro do panel de cata da Ribeira Sacra e sumiller-propietario da vinoteca “O Beiro”, de Santiago de Compostela.
DIVERSAS AUTORIDADES LOCAIS E AUTONÓMICAS ASISTIRON Á XXXIV FEIRA DE AMANDI
Luis Fernández Guitián, alcalde de Sober, agradeceu a presencia de todos os asistentes a esta edición da Feira de Amandi, evento que contou coa presencia do conselleiro de Industria, Francisco Conde; o conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez Abad; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; e a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, entre outros.•
CONCERTO DE CARLOS NÚÑEZ NO SANTUARIO DE CADEIRAS
O sábado 12 de abril, a contorna da igrexa de Cadeiras acolleu a un nutrido grupo de persoas que tiveron que escoitar o concerto dende o exterior do recinto, nunha soleada tarde de primavera, dado que as entradas esgotáronse nos primeiros catro días de venda. A maxia da música e da paisaxe fixeron deste concerto unha xornada inolvidable para todos os que se achegaron a este santuario soberino .Preto de 250 personas encheron a igrexa de Cadeiras para disfrutar do concerto íntimo que o gaiteiro Carlos Núñez ofreceu na víspera da lectura do pregón da XXXIV Feira do Viño de Amandi. Entre o público, o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián; o monfortino Francisco Conde, conselleiro de Economía e Industria; e a soberina Raquel Arias, delegada da Xunta en Lugo.
Numeroso público desafiou a climatoloxía para disfrutar dos caldos de Quiroga na XXXII Feira do Viño
A XXXII Feira do Viño de Quiroga ten garantido o seu futuro, dada a importante presencia do público xuvenil neste evento. Un dos atractivos da Feira foi a presencia da actriz vilalbesa Cristina Castaño, que exerceu de pregoeira con gran simpatía e arrincándose a cantar un par de pezas que foron secundadas polos asistentes.
O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, exerceu de anfitrión das diversas autoridades presentes na XXXII Feira do Viño, e entregou un agasallo conmemorativo á pregoeira deste ano, Cristina Castaño.. Esta importante cita enolóxica contou tamén coa presencia da Confraría do Viño de Quiroga.
Un dos atractivos da Feira do Viño de Quiroga é o Concurso de Camisetas, que contou cunha notable participación. Imaxinación, creatividade e bo humor definiron os diversos traballos presentados ó concurso. A pregoeira Cristina Castaño exerceu de xuíz desta convocatoria, e escolleu como vencedora á camiseta “Los tres peores vinos”.