O programa Cultura no Camiño desenvolverá actividades de teatro, maxia, música e novo circo

Monforte, Sober, Sarria, Quiroga e Ribas do Sil acollerán actividades de abril a setembro

Na conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís

O teatro infantil forma parte do programa Cultura no Camiño, no que participan grupos como Fantoches Baj. (Foto cedida).
O teatro infantil forma parte do programa Cultura no Camiño, no que participan grupos como Fantoches Baj. (Foto cedida).

• A partir deste mes e ata setembro, cinco concellos do sur lugués acollerán diversas actividades lúdico-culturales dentro do programa Cultura no Camiño, unha iniciativa coordinada por Turismo de Galicia e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través de Agadic.

ESPECTÁCULOS PARA TODOS OS PÚBLICOS EN 81 CONCELLOS DAS RUTAS XACOBEAS

Cultura no Camiño ofrecerá un total de 323 actuacións a cargo de 134 formacións artísticas galegas en 81 concellos vinculados ás rutas xacobeas, e entre os que se atopan Monforte de Lemos, Sober, Sarria, Quiroga e Ribas do Sil. A programación inclúe espectáculos para todos os públicos, que poderán disfrutar de sesións de maxia, música, novo circo, teatro e danza. Cultura no Camiño forma parte do programa de celebracións que a Xunta de Galicia está a desenvolver ó longo de todo este ano con motivo do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela.

8 ACTIVIDADES EN SOBER DE ABRIL ATA SETEMBRO

No sur de Lugo, os eventos do programa Cultura no Camiño comezaron en Sober, cunha representación de teatro infantil no CEIP Virxe do Carme o día 23. A vindeira actividade será o 9 de maio ás seis da tarde na Biblioteca Municipal, coa obra de teatro infantil Kiricreques, a cargo de Hermanager Producións. Xa en xullo, o 29 ás sete da tarde desenvolverase o espectáculo de maxia IlusionArte, pola compañía Martin Andersen. O forte da programación de Cultura no Camiño en Sober será en agosto, coa celebración de 4 eventos. O día 6 ás sete da tarde, Dani García ofrecerá o seu número de maxia Acción, en Cadeiras, mentres que as Piscinas Municipais acollerán o día 7 ás sete da tarde a obra de teatro infantil Xogando con globos, de Tusitala Contacontos. Haberá teatro para todos os públicos o día 11 na Praza de Sober, co espectáculo Queimada Musical a cargo de Ni Fu Ni Fa Animación, a partir das 23 horas. O mesmo escenario terá o día 12 a actuación do grupo de baile e música tradicionais Brincadeira, dende as once da mañá. A última das actividades deste programa en Sober será en setembro, co espectáculo de novo circo Peor imposible, polo grupo Peter Punk, o día 20 ás sete da tarde na capitalidade municipal.

MAXIA E TEATRO INFANTIL EN QUIROGA EN MAIO, XUÑO E AGOSTO

O Auditorio Municipal de Quiroga será o escenario do espectáculo de maxia Onde está o mago Antón?, que Creacións Máxicas Lirolai ofrecerá o 30 de maio ás oito da tarde. Xa en xuño, o 23 ás oito haberá teatro infantil no Parque da Constitución, onde Seisdedos Títeres porá en escea a obra O Paporrubio da Granxa. En agosto, voltará a Quiroga o teatro para os máis novos, que o día 10 á unha da tarde poderán disfrutar de Titiriteiros, a cargo da compañía Viravolta Títeres.

DE XUÑO A AGOSTO, ACTIVIDADES EN MONFORTE

O 6 de xuño ás oito e media da tarde, a Casa da Cultura de Monforte será o escenario da obra PULP (Poesía Última de Lois Pereiro), un traballo dirixido a todos os públicos da man da compañía Fantoches Baj. A maxia terá o seu espazo no Parque dos Condes o 26 de xullo ás doce da mañá, da man de Hermanager Producións, co espectáculo O Mago Carlos. Dúas sesións de teatro continuarán coa programación en Monforte; o 26 de xullo ás 20 horas representarase no Parque dos Condes Como Cho Conto, a cargo de Hermanager Producións, e o 13 de agosto ás 11 da noite Culturactiva representará a obra Sede de Mal, na Praza de España. Haberá dous días máis de espectáculos en Monforte, xa que o 12 e 13 de agosto a partir da unha da tarde, as rúas da cidade encheranse de novo circo, cos espectáculos Peor Imposible, a cargo de Peter Punk, e Dous pallasos en máis apuros, desenvolvido por Os Sete Magníficos + 1.

A MÁIS INTENSA PROGRAMACIÓN DE CULTURA NO CAMIÑO, EN RIBAS DO SIL

Un total de 11 espectáculos do programa Cultura no Camiño poderán disfrutarse en Ribas do Sil de xuño a agosto, no Anfiteatro da Praia Fluvial de San Clodio. As actividades comezarán o 8 de xuño ás oito da tarde, coa obra de teatro infantil ¿A que cheiran os contos?, pola compañía Tarabelos, para continuar o 13 de xullo coa obra Xogando con Globos, de Tusitala Contacontos, tamén ás 20 horas. Haberá maxia o día 19 ás oito da tarde, co espectáculo O mago Carlos, a cargo de Hermanager Producións. Os máis cativos poderán ver o Rastreo Pirata o día 20 ás oito, a cargo de Tusitala Contacontos, e o teatro para adultos chegará o 26 da man de Hermanager Producións, que porá en escea a obra Á dereita do pai, ás 22 horas. As actividades de xullo rematarán o 27, coa obra de teatro infantil Sabela e o paxaro máxico, que representará Tarabelos dende as 20 horas. Xa en agosto, chegará o novo circo ó Anfiteatro da Praia Fluvial de San Clodio, co espectáculo Cigani, pola compañía Pistacatro produtora de soños, o día 3 ás oito da tarde. A esa mesma hora, o día 17 Tarabelos representará a obra Amoriños contei, para o público infantil. A música será a protagonista do día 23, co espectáculo Grampoder a partir das once da noite. O novo circo centrará a atención o día 30 dende as 22 horas, co espectáculo Lume, a cargo de Asacocirco. O teatro infantil pechará a programación de Cultura no Camiño en San Clodio, coa representación de Xan Perillán compra queixo compra pan o día 31 ás oito da tarde.

MAXIA, TEATRO INFANTIL E PARA TODOS OS PÚBLICOS EN SARRIA

Sarria acollerá tres actividades de Cultura no Camiño. O 7 de xullo actuará a compañía Elefante Elegante na Casa da Cultura, onde porá en escea a obra Lobo Bobo a partir das sete da tarde. Para o público en xeral está deseñado o espectáculo teatral Lume, da compañía Troula Animación, que actuará o 30 de agosto no cruce das rúas Calvo Sotelo, Paseo do Malecón e Rúa Meigas a partir das 21 horas. Xa en setembro, o 29 dende as 18,30 horas a Casa da Cultura de Sarria acollerá o espectáculo de maxia O mago Carlos, desenvolvido por Hermanager Producións.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Pablo Tomé inaugurou a súa exposición de acuarelas da Ribeira Sacra na Cantina de Doade

Seguinte Nova

As feiras do viño de Amandi e Quiroga congregaron numeroso público

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: