Seguen os éxitos do voleibol monfortino
A AD A Pinguela alzouse co Campionato Galego na categoría infantil feminina na fase final disputada en Monforte o pasado 1 de maio. Según informou a Federación Galega de Voleibol, as monfortinas cumpriron os prognósticos acadando un título que viñan asegurando cada vez máis, tras unha impecable fase regular que remataron invictas.
A PINGUELA SUPEROU SEN PROBLEMAS A PRIMEIRA SEMIFINAL
A primeira semifinal deste play-off non deu sorpresas, xa que as de A Pinguela superaron con autoridade ás rivais do Liceo en tres sets. Pola súa banda, as logo finalistas do Xuvenil do Teis tivéronse que emplear a fondo para superar na segunda semifinal ó Alianza Española Seguros S.A. CV Pontevedra. Foi un partido moi igualado que superaron as viguesas no cuarto set.
BRONCE PARA O CV PONTEVEDRA
A loita polo bronce foi o partido máis reñido do play-off disputado en Monforte, onde as do CV Pontevedra conseguiron a medalla nun vibrante tie break que se decidiu pola mínima, deixando fóra do podio ó Liceo.
A gran final convertiuse nunha demostración de superioridade por parte das xogadoras de A Pinguela, que superaron ás do Xuvenil de Teis con moita solvencia en tres sets. As monfortinas e as viguesas aseguraron así a súa presencia no Campionato de España, do 21 ó 25 de maio.•