PLADESAPU alerta de que algunhas analíticas especiais xa non se realizan no Hospital de Monforte

Informaron tamén sobre listas de espera e a privatización do servizo de mantemento informático

•Dende este colectivo cidadá seguen a reclamar a posta en funcionamento dos servizos de Radioterapia, Medicina Nuclear e Hemodinámica no Hospital Lucus Augusti •A Plataforma continúa organizando reunións con colectivos e asociacións veciñais para informar sobre as novidades na xestión da sanidade pública e as súas consecuencias sobre a cidadanía

Dende PLADESAPU denuncian que a privatización de diversos servizos do Hospital de Monforte “non se fai por vontade de mellora, senón por afán de privatizar e dar ganancia”. Arquivo EC.
Dende PLADESAPU denuncian que a privatización de diversos servizos do Hospital de Monforte “non se fai por vontade de mellora, senón por afán de privatizar e dar ganancia”. Arquivo EC.

A sanidade pública segue de actualidade no sur de Lugo, xa que a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monforte (PLADESAPU) vén de dar a voz de alarma sobre a situación de diversos servizos do Hospital de Monforte.

PRIVATIZACIÓN DA XESTIÓN DO MANTEMENTO INFORMÁTICO
Según explicou en rolda de prensa a portavoz de PLADESAPU, Maribel García, recentemente tense producido unha novidade no proceso de funcionamento do servizo de mantemento informático. “Ata o de agora, o Hospital de Monforte contaba con tres técnicos informáticos ós que recurríamos para solventar calquer problema, e dende hai un tempo xa non funciona así”, explica García. “Para solucionar un problema agora temos que chamar a unha empresa de fóra, que é a que pasa o aviso de incidencia ós nosos técnicos informáticos, e son eles os que o resolven”. A portavoz de PLADESAPU explica que esta nova situacion supón “un gasto innecesario e un entorpecemento da xestión”. “Os informáticos son os mesmos, pero ó acudir a unha empresa de fóra é afán de privatizar e dar ganancia”, critica García.
“ALGUÉN TEN QUE EXPLICAR Á XENTE POR QUÉ XA NON SE FAN ESTAS ANALÍTICAS EN MONFORTE”
Ademais desta privatización, dende PLADESAPU denunciaron que algúns servizos están deixando de facer analíticas especiais, como é o caso de Cardioloxía. Maribel García explicou que “hai queixas de especialistas porque non lles deixan facer algunhas analíticas especiais”, e citou o caso dun paciente de Cardioloxía que viña realizando no Hospital de Monforte una proba moi concreta, “para determinar un valor no seguemento da insuficiencia cardiaca, e que agora tiña que ir facela a Lugo”.
A portavoz de PLADESAPU considerou “moi grave” esta situación, que afecta a máis probas analíticas de determinadas características. “Alguén terá que explicar á xente por qué están a pasar estas cousas”, puntualizou García.

LISTAS DE ESPERA
En canto ás listas de espera no Hospital de Monforte, Maribel García congratulouse da “boa actividade do noso Hospital, que se debe á defensa dos servizos públicos e á presión social, aínda que é difícil de mellorar se non se incrementa a plantilla”. García precisou que os datos aportados pola xerencia executiva do Hospital de Monforte sobre as listas de espera “son correctos, pero responden a unha media”. A portavoz puntualizou que este hospital, polas súas características, ten algunha especialidade “na que nin sequera hai listas, mentres que noutros máis sí que as hai, como ben saben os pacientes que teñen o volante na casa”. García chamou a atención sobre o caso da consulta de Alergoloxía, con menos dun ano de percorrido en Monforte, “e que xa ten pacientes con volante preferente en espera para cinco meses”.
Dende PLADESAPU continúan a manter reunións cos colectivos sociais e veciñais da comarca para informarlles das novidades referentes ó Hospital de Monforte, e seguen a traballar en colaboración con outras plataformas, como COGAVE, a impulsora da Iniciativa Lexislativa Popular que demandaba no Parlamento de Galicia a posta en funcionamento dos servizos de Radioterapia, Medicina Nuclear e Hemodinámica no Hospital Lucus Augusti.•

•GÓMEZ BESTEIRO APOIA AS REIVINDICACIÓNS DA PLATAFORMA EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA DE MONFORTE

•O presidente da Deputación mantivo unha reunión coa portavoz de PLADESAPU para analizar a situación do Hospital monfortino

Reunión do presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, a portavoz de PLADESAPU Monforte, Maribel García, e a integrante da Plataforma, Purificación Rodríguez, o pasado 30 de abril en Lugo. GPDL.
Reunión do presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, a portavoz de PLADESAPU Monforte, Maribel García, e a integrante da Plataforma, Purificación Rodríguez, o pasado 30 de abril en Lugo. GPDL.

Na xuntanza celebrada na sede da Deputación de Lugo o pasado 30 de abril, o mandatario provincial e as representantes de PLADESAPU falaron da situación dos servizos no Hospital de Monforte. Gómez Besteiro expresou o seu apoio ás reivindicacións deste colectivo cidadán. “Non se miden os servizos en función de onde hai máis ou menos poboación, senón coa garantía de que todos os cidadáns teñan dereito a recibir un bo servizo público, nas mesmas condicións, con independencia de onde vivan”, destacou. En referencia á cobertura do Hospital de Monforte, que presta servizo a 51.000 lucenses, dos que máis do 35% son maiores de 65 anos, Besteiro recalcou que “é a poboación máis envellecida a que demanda estes servizos con máis asiduidade e precisa un acceso máis áxil á sanidade”.

“AFASTAR O SERVIZO PARA ENCARECELO E DESPOIS PRIVATIZALO”
Gómez Besteiro criticou que “o modelo do PP é idéntico en todos os servizos, xa que primeiro afasta o servizo público para logo encarecelo, como paso previo á súa privatización”, en referencia á externalización de diversos servizos no Hospital de Monforte, denunciada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Achegamento do alumnado do IES A Pinguela ó singular mundo das abellas

Seguinte Nova

UGT-LEMOS DENUNCIA O “ABANDONO” DAS INSTALACIÓNS DO PORTO SECO ANTE O ROUBO DE CABLE

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Chantada contra o cancro

A solidariedade e a conciencia social uníronse en Chantada nunha loita colectiva contra o cancro. No pasado mes de decembro, a directiva
Ir aInicio

Don't Miss