•Os traballos do plan de mellora de estradas continuará “tan pronto como sexa posible” no resto dos viais provinciais
• A Deputación anunciou que arranxará a estrada LU-P-4302 no término municipal de O Páramo, unha vez que queden rematados os traballos que o organismo provincial está a realizar no chamado Cinturón Comarcal, un total de 130 quilómetros que transcorren polos Concellos de Friol, Guntín, Castroverde, Castro de Rei, Cospeito, Begonte, O Corgo, Lugo, Outeiro de Rei e Pol. As vindeiras accións, que se extenderán ó resto dos viais provinciais, empregarase aglomerado en quente e se instalará sinalización horizontal e vertical nos puntos onde sexa necesario.
O voceiro socialista na Deputación, Manuel Martínez, explicou as melloras que se van realizar no punto quilométrico da estrada LU-P-4302, e precisou que a situación que agora presenta este vial “é un feito puntual, provocado pola intensidade do tráfico que soporta esta vía, e agravado polos temporais de choiva e vento deste inverno”. Martínez destacou que “somos perfectamente conscientes de que a situación dalgúns tramos non é a perfecta en todo momento, pero tamén é certo que co orzamento e os medios dos que dispoñemos estase a traballar da mellor maneira posible”. De feito, no caso da LU-P-4302, do Páramo a Cendoi, as dificultades “concéntranse nun pequeno tramo, á altura do punto quilométrico 3,00, nunha estrada de máis de 7 quilómetros de lonxitude”. O deputado socialista lembrou o “tremendo esforzo inversor e de dispoñibilidade de efectivos” que supón para a Deputación manter continuamente en perfecto estado os máis de 4.200 quilómetros da rede viaria provincial de Lugo.•