Para as nóminas dos traballadores deste programa
• A Deputación de Lugo vén de adiantar un total de 660.000 euros ós concellos de O Incio, Quiroga, Ribas do Sil, Samos e A Pobra do Brollón para pagar as nóminas dos 28 traballadores que teñen contratados dentro do Plan de Emprego da Deputación. Según precisaron os responsables provinciais, esta cantidade supón o 90% do orzamento que lles corresponde a estes concellos no programa que o organismo provincial puxo en marcha recentemente.
CONCELLOS DE MENOS DE 5.000 HABITANTES, PERTENCENTES Á REDE NATURA, E «EXCLUÍDOS DOS OBRADOIROS DE EMPREGO DA XUNTA DENDE 2009»
Estes cinco concellos do sur lucenses están a beneficiarse a custe cero do Plan de Emprego da Deputación, destinado a municipios de menos de 5.000 habitantes e integrados na Rede Natura, e que, según criticaron dende o organismo provincial, están excluídos dos talleres e obradoiros de emprego da Xunta de Galicia dende o ano 2009.
«CUSTE CERO» DESTE PLAN DE EMPREGO PARA OS CONCELLOS
A Deputación xustifica este anticipo ós concellos por «ser conscientes da situación das arcas locais neste momento». Asimesmo, o organismo provincial suliñou que os concellos recibirán o 10% restante, un total de 73.100 euros, nos vindeiros meses. Deste xeito, e según destacaron dende a Deputación, o Plan de Emprego provincial supón un custe cero para os concellos.
CONTRATADOS POLOS CONCELLOS DURANTE 15 MESES
No encontro que o deputado de Goberno Interior, Miguel Ángel Sotuela, mantivo cos traballadores do Plan de Emprego en O Incio, acompañado da alcaldesa, Laura Celeiro, lembrou que os contratos destes traballadores duran 15 meses, fronte ós 6 meses dos obradoiros de emprego que ofrecen outras administracións. Son os concellos os que se encargaron da contratación dos beneficiarios deste Plan de Emprego da Deputación, logo dun proceso de selección entre persoas en situación de desemprego e que reunisen as características necesarias para o posto de traballo.
ACTUACIÓNS NO MEDIO RURAL E NATURAL
As actuacións que están a levar a cabo estes traballadores son obras no medio rural, intervención en espazos públicos e naturais, ou medidas preventivas de defensa do medio ambiente, entre outras. Según precisou Sotuela, este Plan de Emprego «combate o abandono da Xunta», xa que «non só crea traballo directo e de calidade, senón que mellora as dotacións públicas nos municipios con menor capacidade económica, combatendo o despoboamento demográfico no rural». O presuposto que en total achega a Deputación ós concellos da zona Sur é de 733.137 euros, co seguinte reparto: Quiroga, 216.120 euros (8 traballadores); Ribas do Sil, 135.075 euros (5 traballadores); Samos, 135.075 euros (5 traballadores); O Incio, 135.075 euros (5 traballadores); e A Pobra do Brollón, 111.792 euros (5 traballadores).•