O equipo directivo entende que «é unha demanda social da comarca de Chantada»
•Dende a Dirección comunicaron que xa son 50 as persoas adultas que fixeron unha preinscrición non oficial no centro chantadino para cursar inglés no vindeiro curso
• Chantada segue a reivindicar o ensino de idiomas para a capital comarcal. O pasado 20 de maio, o equipo directivo do IES Lama das Quendas fixo público un comunicado no que criticaba que «o Partido Popular rexeite de momento» a posibilidade de abrir neste centro chantadino unha sección de inglés da Escola Oficial de Idiomas «en contra da opinión de toda a oposición, e a pesar de que xa son 50 as persoas adultas que fixeron unha preinscrición non oficial» neste instituto para poder cursar inglés neste centro no curso 2014-2015.
ACHEGAR A APRENDIZAXE DO INGLÉS Á CONTORNA DE CHANTADA, E OPTIMIZAR AS INSTALACIÓNS DO INSTITUTO
No seu comunicado, a Dirección do IES Lama das Quendas lembraba a solicitude que cursou á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria o pasado mes de xaneiro, para que se implantará unha sección da Escola Oficial de Idiomas de Monforte de Lemos, na especialidade de lingua inglesa, no concello de Chantada, e con sede no citado instituto. O obxectivo que a Dirección do centro pretendía con esta solicitude era doble. Por unha banda, «achegar a posibilidade da aprendizaxe de inglés á poboación adulta da contorna», e por outra, «facer máis eficiente o funcionamento do centro en xornada de tarde». Explicaban que nestes momentos o centro está aberto todos os días pola tarde «só para dous grupos de Educación Secundaria de Adultos e dous grupos do programa CUALE, o que supón que o resto do centro está sen utilizar».
A POBOACIÓN ADULTA DE CHANTADA, «EXCLUÍDA» DA APRENDIZAXE DE IDIOMAS
En canto á aprendizaxe de idiomas, insisten dende o instituto na necesidade desta nova sección. «A pesar de que o IES Lama das Quendas en ofertando dende hai moitos anos o programa CUALE, na actualidade só se pode ofertar ó alumnado de 3º e 4º de ESO, Bacharelato e ciclos formativos, quedando excluída o resto da poboación». A Dirección do centro ten clara a utilidade desta sección de inglés, xa que «todos os anos o centro está a recibir demandas de xente interesada en aprender inglés, sobre todo xente adulta, pero temos que remitilos á Escola Oficial de Idiomas de Monforte».
O inevitable desprazamento a Monforte, unido á actual situación de crise económica, fan que moitas persoas desistan de estudar este idioma. «Sería de moito interés achegar a oferta deste servizo á poboación que o demanda». Esta decisión do equipo directivo conta co apoio do Claustro de profesores do IES Lama das Quendas e do seu Consello Escolar. Asimesmo, os Plenos dos Concellos de Chantada, Taboada e Carballedo aprobaron por unanimidade acordos en apoio desta demanda.
O ÚNICO CUSTE ADICIONAL SERÍA O SOLDO DO PROFESOR, XA QUE AS INSTALACIÓNS ESTÁN OPERATIVAS A DIARIO
A Dirección do centro precisa que esta iniciativa «só lle suporía a Educación o custe do soldo dun profesor de inglés, porque as instalacións e recursos como calefacción, vixiancia ou electricidade son os do propio centro, que abre polas tardes a diario». O comunicado emitido pola Dirección do IES Lama das Quendas precisa que «desde o centro non se entende que o Goberno galego traslade a idea de que a importancia do inglés é cada día maior, e en cambio non dé a posibilidade da súa aprendizaxe á cidadanía galega do rural, non só aos alumnos de ESO e Bacharelato, senón ao resto da poboación que non cursa ensinanzas ordinarias».
Con todo, os responsables do centro suliñaron que «o IES Lama das Quendas vai seguir solicitando devandita formación xa que é unha demanda social da comarca».•