•”Paso a lo desconocido”, que inclúe once temas rapeados sobre instrumentais de uso libre, está producido polo selo quirogués SCProduccións
• O primeiro traballo discográfico do mc Canti xa é unha realidade. “Paso a lo desconocido” dá nome a esta estrea creativa do músico de Bendilló, na que aposta polos rapeados sobre instrumentais de uso libre que integran esta maqueta de once temas. Producida por SCProduccións, o xoven selo de Quiroga promovido polo grupo de rap quirogués Santa Compaña, “Paso a lo desconocido” introduce temas cheos de positividade e superación, ademais dun tema romántico e algo de estilo libre.
A fonda relación de Canti cos compoñentes do grupo Santa Compaña fixo posible que os quirogueses apostaran por esta maqueta, nun traballo no que interveñen algúns dos membros desta formación musical. A.k.a. Pablo, integrante de Santa Compaña, colabora nos temas “Sin balada” e “No quiero”, así como no scratch de “Intro”, tema que abre esta maqueta. A man de Pablo tamén se percibe no deseño gráfico da carátula de “Paso a lo desconocido”, que promete ser o comezo dunha longa colaboración entre os da Santa Compaña e o creador de Bendollo.
Esta maqueta pode escoitarse en https://soundcloud.com/canti-mc, ou descargalo gratuítamente dende www.santacompana.com.•